Este venres, ButacaZero recrea a María Casares 25 anos despois do seu pasamento

Continua a xira de outono de ButacaZero. E con ela, segue facendo quilómetros o tren teatral Despois das ondas, que fará chegar ao Carballiño á gran diva María Casares, 25 anos despois do seu pasamento. A función, que está enmarcada dentro do Fondo de Proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, terá lugar o venres 5 de novembro no Auditorio Municipal do Carballiño.

O evento será de balde, e as persoas interesadas poden achegarse o mesmo día ao Auditorio, onde se entrará por orde de chegada e ata completar o aforo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Aqueles que entren poderán gozar de ver revivir á grandísima María Casares, iso si: grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embarcáronse no 2019 neste grande proxecto baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.

Ernesto Is, quen levou por esta peza Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.

Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.

Con todo, non serán as únicas que se suban ás táboas do Auditorio, pois outras catro persoas estarán en escena para que a maxia do teatro e a do cinema se poidan mesturar. Roi Fernández foi o encargado do deseño da parte audiovisual, e estará acompañado en escena por Grial Montes, Beatriz de Vega, e o propio Ernesto Is, quen se encargará de xerar os sons tamén en vivo e en directo. Os catros son os encargados de que o teatro se converta nun plató de cinema e de que os espectadores poidan ver un espectáculo tan teatral como cinematográfico.