Arco da Vella a Adega de Eladio inaugura o ciclo ‘Cata a Arte’ en Ourense

Arco da Vella a Adega de Eladio deu onte o pistoletazo de saída á sétima edición do ciclo “Cata a Arte” coa presentación e degustación do seu viño branco Torques do Castro e os seu tinto Tarabelo, acompañada dun recital poético e cancións á viña e ao viño. O evento tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense con aforo completo.

O recitado de poemas á viña e ao viño fíxose intercalado por parte de Armando González López (poeta, músico e letrista de María do Ceo), Pepa Álvarez Gómez (poeta e declamadora de Verín), Curra Figueroa (poeta) e o protagonista do evento Benito Eladio Rodríguez Fernández (fundador da adega Arco da Vella a Adega de Eladio, poeta de Beade e membro do grupo “Por un Ribeiro poético”). Por outra banda, tamén soaron cancións da man do grupo “Os Tarabelos”, conformado por Armando González, Andrés Rodríguez (cantautor), Antón Alonso (músico) e o propio Eladio Rodríguez. Unha xornada moi entretida e que sacou sorrisos a máis dun dos asistentes.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta sétima edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para aAsociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR),  organización sen ánimo de lucro que leva 26 anos de traxectoria mellorando a calidade de vida dos seus usuarios e apoiando a coidadores e familiares. Para cumprir coa labor, conta cunha rede de colaboración entre entidades públicas, privadas e asociados pensando en ofrecer servizos especializados que faciliten o día a día dos pacientes con Alzheimer e o seu entorno.

Viño e arte

O ciclo celebrarase durante catro xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 4 de novembro ata o 2 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo estará limitado a 50 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.

O mércores 10 de novembro será o momento da realización da cata de Bodegas Nairoa que presentará seus viños, entre os que estarán os brancos Alberte e Val de Nairoa, arroupados pola música country de Os Forasteiros. O 18 de novembro continuaremos coa cata de Vinos con Personalidad, onde Pablo Vidal presentará en cata vertical o seu viño branco Renacido e o seu novo viño tinto, Big Bang, acompañado do dúo acústico Slastic, formado por baixo e guitarra. E para rematar esta sétima edición, o broche final poñerao o 2 de decembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís 2020 en harmonía co espectáculo musical de  Queiman e Pousa.

Arco da Vella a Adega de Eladio

É unha pequena adega familiar que vén dunha saga de antigos viticultores-adegueiros asentados no concello de Beade. Co gallo de seguir a tradición herdada, Benito Eladio Rodríguez Fernández remodela a nova adega dotándoa de maquinaria e elementos de elaboración actuais  e cultivando as viñas herdadas inicia, no 2004, nova andaina no seo da D.O. Ribeiro. O camiño a seguir basease nos seguintes propósitos: viticultura: tradicional cuasi ecolóxica en viñas propias e cepa vella, castes autóctonas, sen herbicidas, insecticidas, nin antibotríticos velenosos. Elaboración tradicional con lévedos das propias uvas e temperatura de fervura controlada mediante equipo de frío.