A Xunta traballa na redacción do proxecto construtivo para mellorar o sistema de abastecemento de Castrelo de Miño

Publicidade ASPADISI

A Xunta presta apoio técnico ao Concello para desenvolver, a nivel construtivo, a mellor solución de abastecemento desde o río Miño, avaliada no estudo de alternativas realizado por Augas de Galicia

Sobre a base do estudo xa realizado, realízase o proxecto correspondente a unha primeira fase das actuacións, que inclúen captación e potabilizadora baixo o núcleo de Santo Estevo, bombeo ao depósito de cabeceira existente en Traveso e rede de distribución en alta e derivación aos depósitos existentes

HIPER MASIDE

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe ao alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, que a Xunta está a traballar na redacción do proxecto construtivo para mellorar o sistema de abastecemento do municipio.

A Xunta presta apoio técnico ao Concello para desenvolver, a nivel construtivo, a mellor solución de abastecemento desde o río Miño. Augas de Galicia xa levou a cabo un estudo previo de alternativas, cun investimento de 18.000 euros, para identificar o lugar máis axeitado para a captación desde o Miño, así como a localización do depósito que alimentaría todos os demais.

Agora, sobre a base do estudo realizado, estase a traballar no proxecto correspondente a unha primeira fase das actuacións, tendo en conta que a zona das parroquias de Castrelo-Santa María e Barral vense afectadas polo problema do arsénico.

Esa primeira fase dos traballos para a que se traballa no proxecto construtivo, engloba unha captación e estación de tratamento de auga potable para 20 l/s baixo o núcleo de Santo Estevo; bombeo ao depósito de cabeceira existente en Traveso; e rede de distribución en alta e derivacións aos depósitos de Castrelo-Santa María (depósitos de Nogueiredo), Barral (depósitos de Barral e Noallo de Abaixo) e A Ponte Castrelo-Santo Estevo (depósitos de Santo Estevo e Souto-Parada).

O obxectivo é paliar os problemas derivados da presenza de arsénico na captación actual e atallar as carencias que presenta o sistema de abastecemento, agravada nas épocas de estío.

O investimento estimado desta primeira fase das obras estímase en preto de 1,4 M€.

Cómpre lembrar que a Xunta concedeulle recentemente ao Concello de Castrelo de Miño unha axuda para financiar actuacións de abastecemento por un valor de máis de 38.500 euros, no marco dos incentivos da Xunta dirixidos aos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes, co fin de garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO