Marina Ortega do grupo socialista reclama “un novo modelo de coidados” para as persoas maiores “á altura do século XXI”

Marina Ortega reivindicou máis recursos humanos nas residencias públicas galegas e a mellora das condicións laborais do sector

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamou hoxe “un novo modelo de coidados” ás persoas maiores “á altura do século XXI e acorde ás posibilidades e á poboación que temos en Galicia”. A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Consellería de Política Social que presente no Parlamento un novo modelo residencial que segue sen facer público, e que foi rexeitada polo PP.

A parlamentaria socialista subliñou que “mentres as familias e as persoas maiores teñan forzas para loitar darémoslle voz as veces que sexa necesario”, e respaldou a súa demanda de constituír unha Comisión de Investigación que o goberno galego continúa a negar. Os socialistas que o PP rexeitara hoxe presentar “un estudo pormenorizado do acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia” co obxectivo de “aprender dos erros para corrixilos”.

PUBLICIDADE ELECTORAL

Lamentou que a “incomodidade” amosada polo goberno galego o levara a vetar a constitución da dita constitución ou mesmo estudar a situación das residencias intentando “desvirtuar e xogando a minimizar” o asunto. Afeoulle á conselleira que cualificara a crise das residencias de “polémicas artificiais” cando “o único artificial son as solucións que pretenden venderlle á cidadanía metendo robots para o coidado das persoas maiores nas residencias”.

Ortega reivindicou “máis medios humanos que propicien uns coidados de calidade e con persoal en condicións laborais óptimas que permitan facer o seu traballo, con condicións que dean acomodo á valía das grandes profesionais que temos en Galicia”. De nada vale, puntualizou, “que a conselleira ou o propio Feijóo suban á tribuna e digan que profesionais tan marabillosas temos, e logo nin as reciban nin escoiten as súas reivindicacións”.

Lembrou que Galicia é “a segunda Comunidade Autónoma con menos inspectores para supervisar o funcionamento de todas as residencias, tal e como alertaran primeiro o Consello de Contas, no seu informe de 2018, e máis tarde a Fiscalía. Advertiu de que o goberno galego “é o que menos inviste por habitante potencialmente dependente” en todo o país como consecuencia dunha xestión “sen escoitar, sen empatía e sen facer partícipes aos protagonistas”.

Novo modelo

Reclamou así un novo modelo de xestión das residencias “nos centros dos pobos, acollendo aos seus veciños, nun entorno o máis parecido a un fogar, con habitacións individuais e nun contexto máis humano”. Sinalou que “as competencias están aquí, e non debemos agardar a que nos marquen o traballo de fora”, senón “xestionar dende aquí, acorde ás nosas particularidades”. Criticou que a Xunta goberne “sen escoitar” e agochando os datos porque “non queren que se traslade información sobre o que pasa nas residencias”. Os socialistas reclamaron hoxe información sobre o nivel de ocupación das residencias integradas, facer público o número de contaxios por covid e os falecementos nas residencias de maiores, así como o número desagregado en cada centro de atención residencial galego


O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada Marina Ortega Otero, a través do seu portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 151.2 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Moción para substanciar a Interpelación debatida na Sesión plenaria celebrada os días 26 e 27, sobre a política do Goberno galego respecto da tansparencia informativa da situación sanitaria dos centros de atención residencial para persoas maiores (11/INT-001237, documento número 23463).


Moción


O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

  1. Elaborar un estudio pormenorizado do acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia.
  2. Remitir ao Parlamento o nivel de ocupación das residencias integradas por orde cronolóxica de xeito semanal dende marzo de 2020 ata a actualidade.
  3. Facer públicos e entregar aos grupos parlamentarios do número total de contaxios por Covid ou sintomatoloxía compatible así como falecementos nas residencias de maiores en Galicia, así como o número desagregado en cada centro de atención residencial galego
  4. Que o Consellería de Política Social presente ante o Parlamento o novo modelo residencial.
  5. Incrementar os RRHH no ámbito de atención residencial en Galicia, así como revisión e mellora das condicións laborais do sector.
  6. Establecer unha dinámica periódica que permita o acceso ao diálogo directo coa Consellería de Política Social por parte das familias e residentes dos centros de atención residencial galegos, coa asociación de traballadoras e traballadores do sector, así como do conxunto do sector.
    Pazo do Parlamento, 29 de outubro de 2021
    Asdo.: Marina Ortega Otero
    Deputada do G.P. dos Socialistas de Galicia
    Asdo.: Gonzalo Caballero Miguez
    Portavoz do G.P. dos Socialistas de Galicia