A Xunta autoriza as expropiacións para a mellora da seguridade viaria na estrada ou-402 en Ribadavia e na Arnoia

A actuación suporá un investimento autonómico de preto de 715.000 euros, nos
cales se inclúe o pagamento dos 18 predios necesarios para levar a cabo as obras
― Trátase da 1ª fase de mellora do trazado do tramo de 1,65 km desta estrada, entre o
cruzamento da vía provincial OU-0305, no acceso a Ribadavia, e a entrada á Arnoia
― A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas
previas das expropiacións e licitará a 1ª fase das obras no primeiro semestre de 2022
― A intervención inclúe a ampliación da estrada, a mellora da senda entre o acceso ao
balneario e o núcleo da Arnoia, o reforzo do firme, ademais de drenaxe e sinalización
― O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria
autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios

O Consello da Xunta autorizou hoxe a declaración da utilidade pública pola que se
dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar a primeira fase de
acondicionamento na estrada autonómica OU-402, en Ribadavia e na Arnoia.
O Goberno galego investirá preto de 715.000 euros nesta actuación de mellora do
trazado e da seguridade viaria desta vía autonómica, entre a intersección coa vía
provincial OU-0305, no acceso a Ribadavia, e a entrada á poboación da Arnoia. Neste
investimento da Xunta inclúese o pagamento dos 18 predios precisos para levar a cabo
esta actuación.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas
previas das expropiacións e licitará a execución da primeira fase das obras no primeiro
semestre de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.
A intervención proxectada consiste na mellora do trazado e no acondicionamento da
estrada OU-402, entre a intersección coa OU-0305, no acceso a Ribadavia, e a entrada á
poboación da Arnoia. Esta actuación é susceptible de financiamento a través dos fondos
React UE.
As obras desenvolveranse nun tramo cunha lonxitude aproximada de 1,65 km, entre os
puntos quilométricos 30+500 e 32+150. Os traballos inclúen a mellora do trazado da
estrada e reforzo do firme, a construción dun espazo peonil e dunha gabia transitable,

AVANTAR ACTIVIDADES

así como as melloras da drenaxe transversal existente, da sinalización viaria e das
barreiras de seguridade.
Está previsto ampliar, na medida do posible, a estrada ata os 7 metros, rectificar as
curvas de raio reducido e mellorar a senda existente entre o acceso ao balneario e o
núcleo da Arnoia.
Máis en detalle, a intervención recolle a construción dunha beiravía para o tránsito dos
peóns, de 2 metros de ancho e un quilómetro de lonxitude, entre os puntos 30+550 e
31+550, pola súa marxe esquerda, e unha gabia de seguridade transitable.
En canto ao trazado, e na medida do posible tendo en conta que é un tramo existente
con entrada ao núcleo urbano da Arnoia, adaptarase á normativa vixente, mellorando así
a visibilidade de circulación.
Tamén se reforzará a seguridade viaria da intersección no punto quilométrico 30+700
da estrada OU-402 que conecta esta coa vía provincial OU-0305. Así, co fin de mellorar a
visibilidade, disporase un carril central de espera e habilitarase un cambio de sentido.
O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria
autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.