A tradución á lingua galega de “La juventud de Pepa Loba”, do autor carballiñés Aurelio Miras Azor xa é unha realidade da man de Teófilo Edicions e o traballo de conversión lingüística realizado por Isabel Soto e Alejandro Tovar, coa colaboración do Concello do Carballiño. “A xuventude da Pepa Loba” será presentada o vindeiro martes, 15 de abril, ás 20,15 horas, nun acto que terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello coa participación do editor, José Luis Teófilo; o alcalde, Francisco Fumega, e o filólogo Gonzalo Navaza, membro da Real Academia Galega da Lingua, que estarán acompañados por Xan Miras, fillo do autor da novela orixinal.
Teófilo e Fumega, xunto co concelleiro de Cultura, Diego Fernández, anticiparon esta mañá alguns detalles da nova publicación. Fernández lembrou que o tamén avogado Miras Azor foi nomeado ‘fillo predilecto’ do Carballiño e que a novela “dá a coñecer a historia da bandoleira Pepa Loba e o seu vencellamento coa nosa vila, unha figura que ademais do eido histórico tamén representa unha actitude de reivindicación feminista”.
José Luis Teófilo referiuse a que a novela orixinal fora publicada en castelán pola editorial do Faro de Vigo no ano 1968, e agora, “por desexo do alcalde carballiñés, podemos render unha merecida homenaxe a Aurelio Miras Azor e incorporar a súa obra á literatura galega”. Ademais de agradecer a laboura de Soto e Tovar na tradución, Teófilo resaltou o traballo de Quintana Martel na elaboración das ilustracións da capa e da contracapa de “A xuventude da Pepa Loba”.
Pola súa banda, Francisco Fumega agradeceu s implicación da editorial e convidou a toda a veciñanza a asistir, o vindeiro martes, á presentación oficial do libro.