Esta mañá, compareceu en rolda de prensa Pachi Vázquez, para falar das novidades da Asociación para a Defensa do Asilo do Carballiño, que mantivo esta semana a primeira reunión da xunta directiva. Esta asociación creouse fai 20 días aproximadamente.
O pasado mércores crearon a xunta directiva, formada por nove persoas, representantes de diferentes colectivos sociais, das traballadoras do centro e persoas particulares que están interesadas en defender a entidade e estará aberta a quen queira formar parte. O primeiro punto posto en común pola asociación é a crítica ante a falla de transparencia por parte do patronato.
Hoxe, Pachi Vázquez informou dos seguintes pasos que seguirá a asociación. O primeiro deles será dirixirse ós patronos, en referencia ó incumprimento dos estatutos e denunciar isto ante o protectorado da Lei de Asociacións. Vázquez recalca que hai “graves incumprimentos” nestes estatutos.
A Asociación pedirá ó protectorado que se realice unha auditoría de bens patrimoniais, para que se garanta que haxa un control sobre o legado dos Irmáns Prieto. Neste mesmo senso, informou de que a asociación está creando unha páxina web que funcionará de portal de transparencia e no que colgarán toda a documentación da que dispoñen.
E por último, anuncian que a través dunha serie de actos, da man de historiadores, darase a coñecer quenes eran os Irmáns Prieto e a súa historia.