A Deputación promove en Ourense un centro de referencia para Galicia e o norte de Portugal na formación de actores e actrices

A preparación de intérpretes, sinalou o presidente provincial Manuel Baltar, “é un paso máis na estratexia que vimos desenvolvendo para situar a Ourense como a capital do audiovisual galego, pero tamén como un dos lugares de referencia no sector nacional”, a través do Festival Internacional de Cine e promocionando a provincia como un gran plató de cine 

En colaboración con Laconda Producciones e a Confederación Empresarial de Ourense, os talleres intensivos e de calidade, que terán carácter bimensual, están dirixidos a actores e actrices en formación ou profesionais que desexen adestrase nunha das técnicas más prezadas por recoñecidos artistas 

AVANTAR ACTIVIDADES

 A Deputación de Ourense, en colaboración con Laconda Producciones e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), promove un centro de formación para actores e actrices que se converterá “nun punto de referencia en toda Galicia e no norte de Portugal para a preparación de intérpretes, mesmo tamén en Madrid cando a partir de decembro Ourense estea a pouco máis de dúas horas da capital de España coa chegada do AVE”. Así o destacou o presidente provincial, Manuel Baltar, logo de pechar o acordo de cooperación coa actriz e produtora audiovisual ourensá Raquel Menor, que xunto coa presidenta da CEO, Marisol Novóa, visitaron as aulas que cederá a entidade empresarial para o futuro espazo formativo. 

A formación actoral, sinalou Manuel Baltar, “é un paso máis na estratexia que vimos desenvolvendo para situar a Ourense como a capital do audiovisual galego, pero tamén como un dos lugares de referencia no sector nacional”. O Festival Internacional de Cine, que celebrou en setembro a súa 26 edición, “xa é unha cita plenamente consolidada no calendario de eventos cinematográficos dentro e fóra de España –engadiu Baltar-, como tamén a provincia está a ser elixida como escenario de moitas producións grazas ao esforzo que desde o goberno provincial estamos a facer para transformar o territorio nun gran plató de cine”, lembrando que das case 30 producións realizadas na historia do cinema da provincia, a terceira parte delas foron rodadas nos últimos anos. 

“A iniciativa que imos poñer en marcha vai ofrecer talleres de formación intensivos e de calidade para todas aquelas persoas que teñan no mundo da interpretación a súa vocación”, afirmou pola súa banda Raquel Menor en representación de Laconda Producciones, apuntando que os talleres, que serán de carácter bimensual, “están dirixidos a actores e actrices en formación ou profesionais que desexen adestrase no ámbito artístico a través da técnica de Susan Batson,  que sitúa o arduo traballo da interpretación no contexto do teatro e da industria cinematográfica”. 

O primeiro taller impartirase os días 26, 27 e 28 de novembro nas aulas que a CEO posúe na rúa Alejandro Outeiriño da capital. Centrado na “Creación tridimensional da personaxe”, o curso será impartido por Rocío Gómez, que tras diplomarse en interpretación en Nova York e traballar en varias producións coñeceu e estudou con Susan Batson, converténdose na súa colaboradora en todos os cursos desenvolvidos en España, ademais de ser desde hai anos “coach” de coñecidas actrices e actores como Nicole Kidman, Juliette Binoche, Adrien Brody, Denzel Washington, Bradley Cooper ou Lady Gaga, entre outros.