O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia que non se está a desenvolver o Obradoiro de emprego “Montealegre III” pola desidia e desinterese do Goberno Local

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Segundo a concelleira Rhut Reza, “permitiría que 20 mulleres e homes puideran ter un contrato de nove meses no que compaxinarían práctica, formación cualificada e experiencia profesional percibindo o salario mínimo interprofesional”

Desde o Grupo Municipal do BNG denuncian a perda da subvención concedida para a organización do obradoiro de emprego “Montealegre III”, por ter, segundo a concelleira Rhut Reza, “un alcalde que asume competencias a tuti pleni, que non é capaz de exercer e por ter un goberno minguado, máis preocupado en resolver as súas leas internas que nas necesidades reais da veciñanza”.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os nacionalistas lembran que, en setembro, ao Concello de Ourense foille concedida unha subvención da Xunta de Galiza para a posta en marcha e desenvolvemento do obradoiro de emprego “Montealegre III”.

No Pleno de novembro, “desde o BNG preguntábamos ao alcalde as razóns polas que o goberno municipal non estaba a executar dito Obradoiro de emprego”. Un obradoiro que conta con dous módulos, un de Repoboacións Forestais e tratamentos Silvícolas e outro de pavimentos e albanelería de urbanización e dirixido a persoas en desemprego e inscritas como demandantes de emprego, “cuxa posta en marcha permitiría que 20 mulleres e homes puideran ter un contrato de nove meses no que compaxinarían práctica, formación cualificada e experiencia profesional percibindo o salario mínimo interprofesional”.

Segundo Rhut Reza, “nunha situación de crise económica e social como a que estamos a vivir, resulta rechamante que o alcalde, que é o máximo responsábel da área de promoción económica, emprego e industria, estea máis preocupado na organización de palestras do que el chama Centro de Intelixencia Artificial que en organizar o día a día e garantir a estrutura necesaria para que non se perdan recursos”, e engade, “a súa programación e solicitude son máis prácticos e necesarios para moitos veciños e veciñas que se atopan nunha situación límite”.

Ao BNG tamén lle preocupa que a día de hoxe “aínda non fósemos convocados nen informados das bases ou do procedemento que se empregará para que a partida de 10 millóns de euros, sobrante da convocatoria de autónomas do ano 2020, chegue a autónomas, comercio e hostalaría tal como se acordou recentemente”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------