Beade acolle a última parada do Camiño de Futuro na provincia

  • Levar a innovación ás empresas da contorna é un dos obxectivos desta iniciativa
  • A sede da Mancomunidade do Ribeiro acolle este encontro empresarial
  • Administración e entidades locais poñen en común os apoios destinados ás pemes para afrontar os desafíos deste século

O luns, 21 de marzo, a sede da Mancomunidade do Ribeiro acollerá a última sesión do Camiño de Futuro no seu percorrido pola provincia ourensá. Trátase dunha iniciativa coa que a Xunta dá a coñecer o mapa de apoios para 2022 destinados a empresas e autónomos, congregando para iso ao representantes dos organismos nos que recaen a maioría das axudas destinadas ao tecido empresarial e produtivo.

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain) e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR11 e GDR12) explicarán todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, etc, e mesmo actividades non agrarias no rural.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade a Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer os apoios da administración, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos.

Ao igual que sucedeu nas anteriores convocatorias, representantes de empresas innovadoras que teñen a experiencia de participar destas axudas explicarán a súa traxectoria neste ámbito, como Viña Costeira, Renga Enerxía. Ademais, estarán tamén presentes representantes de entidades empresariais e zonas industriais como Aica (Asociación Industrial de Carballiño), ou Evega (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia), os presidentes dos GDR da zona e o xefe territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Acto -> Camiño de futuro, presentación do mapa de apoios da Xunta

Lugar -> Mancomunidade do Ribeiro (Lg Fondal de Beade, s/n)

Data e hora -> luns, 21 de marzo – 12 horas

Interveñen:

  • Patricia Argerey, directora de Gain
  • Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense
  • Patricia Fernández, directora Área Servizos de Gain
  • Miguel Fidalgo, responsable da Oficina Sur do Igape
  • Juan Emilio Aparicio, xerente do GDR 12 – Carballiño-Ribeiro
  • Ramón Mosquera, Viña Costeira
  • Juan Pena, Renga Enerxía