O PSOE acusa a Jácome de menosprezar ós equipos de fútbol locais e califícano de “medidor de inversores privados “

O PSdeG-PSOE considera que o anuncio de Jácome de comprar un club de fútbol da primeira división RFEF con sede en Villaviciosa de Odón (Madrid), a 500 quilómetros de Ourense e “sen arraigo na cidade, nin sentimento entre a cidadanía”, non é máis que outro “delirio megalómano” dun alcalde que “menospreza os equipos locais e actúa coma se fora un mediador de inversores privados no canto do rexedor público da cidade”.

“Jácome volve superarse a si mesmo no seu afán por converterse nun comisionista, chegando a afirmar de xeito temerario que o equipo DUX Internacional podería disputar xa varios partidos esta tempada e que na seguinte xogaría no estadio do Couto, desprezando os clubs locais que empregan estas instalacións públicas para os seus partidos oficiais”, condenan dende o grupo municipal socialista.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas aseguran que o alcalde “parece descoñecer ou pretender incumprir descaradamente” un convenio asinado no ano 2015 entre a Xunta, titular do Estadio do Couto, e os equipos de Unión Deportiva Ourense e Ourense CF “polo que se regulaba o uso do campo por parte destes dous clubs e no que se estipulaba que o espazo acollería a Copa Deputación, o Memorial Lito de fútbol alevín e diversos torneos de deporte base”.

A respecto das dotacións existentes na cidade, os socialistas engaden que “non existen instalacións deportivas dabondo para acoller outro club, polo que a chegada do DUX iría en detrimento doutros equipos locais que se verían obrigados a ter que ceder horas para que os novos xogadores poidan adestrar”.  Tamén lle advirten ao rexedor que, de levar a cabo esta operación, “atoparíase cun estadio baleiro, sen seareiros que apoiasen esta tropelía, pois a xente do fútbol xa está identificada cunhas cores na cidade de Ourense”.

Dende o grupo socialista poñen o foco tamén no acontecido con Club Deportivo Ourense, unha SAD que no ano 2014 desaparecía por mor da débeda e dunha “pésima xestión tanto privada como pública”. Os socialistas temen que Jácome pretenda regresar “aos tempos escuros do baltarismo no que a política controlaba o devir do deporte na cidade provocando que clubs emblemáticos rematasen por desaparecer por mor dunha nefasta xestión e de empregar estas institucións deportivas coma xoguetes cos que facer negocio”.

Así as cousas, os socialistas esíxenlle ao Partido Popular que “poña coto dunha vez aos abusos do alcalde, do que son socios de goberno e polo tanto, cómplices”, no canto de actuar como “marionetas”, eludindo a súa responsabilidade ante un comportamento “irresponsable” que “prexudica enormemente os equipos locais”.

Por último, aseguran que “o colmo do delirio é que Jácome argumente que a chegada do DUX axudará a promocionar o marketplace do comercio ourensán que, segundo as previsións do alcalde, se lanzará en 2022 dende o CIA do Concello de Ourense”, algo que dende as filas socialistas cualifican de intento “grotesco e falido” de xustificar a existencia doutro “custosísimo e ata agora inútil proxecto do alcalde”.