O Psdeg-Psoe de Ourense denuncia en Zamora o reparto caciquil de Manuel Baltar que só transfire un 0,03 % dos fondos da Deputación aos concellos da provincia

Publicidade ASPADISI

Os socialistas ourensáns foron recibidos en Zamora polo grupo provincial socialista zamorano que lles amosaron o seu “apoio e ánimo” nesta marcha contra o caciquismo e clientelismo de Baltar

Ambos grupos concordan na necesidade dun reparto “xusto, equitativo e igualitario” dos fondos públicos, seguindo unhas “reglas de xogo acordes á democracia”

HIPER MASIDE

O PSdeG-PSOE de Ourense segue coa súa peregrinación a Madrid coa iniciativa “un millón de pasos por Ourense” e esta mediodía chegaron a Zamora, onde foron recibidos polo grupo provincial socialista na Deputación. Socialistas ourensáns e zamoranos aproveitaron para intercambiar impresións e para conversar acerca do caciquismo e clientelismo, común en ambas institucións provinciais dende fai anos. O grupo provincial socialista segue a percorrer máis e máis quilómetros e xa superou o ecuador do camiño, cumprindo os tempos con soltura e solvencia.

Ambos grupos provinciais aproveitaron o encontro en Zamora para denunciar publicamente a situación que se vive en ambas provincia, onde concordaron na necesidade dun reparto “xusto, equitativo e igualitario” dos fondos públicos, seguindo unhas “reglas de xogo acordes á democracia”. O grupo provincial socialista de Zamora aproveitou para amosar o seu “total apoio” e para trasladarlle “folgos e ánimo” os deputados e deputadas provinciais de Ourense, namentres que estes últimos agradeceron o recibimento e o “gran trato dispensado”.

O voceiro do grupo provincial do PSOE de Zamora e alcalde de Fuentesaúco, Eduardo Folgado Becerra, destacou que a causa dos socialistas ourensáns é “xusta e na que todos os socialistas estamos de acordo, xa que o reparto dos fondos públicos que chegan as deputacións e que é dos concellos, ten que ir aos concellos dunha maneira obxectiva e na que estean claras as regras do xogo, cun reparto equitativo entre a poboación, en función das características de cada municipio”.

Folgado aproveitou tamén para destacar un caso da provincia zamorana e sinalou que o grupo provincial socialista solicitou unha auditoría das estradas e que a Deputación de Zamora actúe en consecuencia a esa auditoría “para que non se de casos como o de un alcalde independente, o que presuntamente quixeron subornar politicamente para pasalo ao PP e actuar en dita estrada”. O voceiro do grupo provincial socialista zamorano aproveitou tamén para facer fincapé no “apoio e ánimo aos compañeiros e compañeiras ourensáns”, ao tempo que apuntou que “desexamos que se lle conceda o que solicitan e que se escoite en toda España esta reivindicación, porque é de xustiza que os fondos públicos se empreguen de xeito equitativo e de rematar coa compra de vontades e o reparto arbitrario e a dedo como acontece en Ourense e Zamora”.

Pola súa banda, o vicevoceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Nacho Gómez Pérez, puxo o foco en que ambas formacións “compartimos moito na nosa loita contra o caciquismo e transfuguismo”. Aproveitou tamén para subliñar que en Ourense “levamos décadas sufrindo e padecendo da man do clan dos Baltar, xa que non houbo ata agora outro goberno, para desgracia da veciñanza da provincia que ve como son discriminados dende o ente provincial”. O deputado socialista pola comarca do Ribeiro apuntou que en Galicia “existen dúas velocidades, “unha que é a das tres deputacións socialistas na que se transfire unha media de máis do 30% dos recursos ás entidades locais, e outra que é a de Baltar, na que tan só se transfiren un 0,03 % dos recursos, algo que é intolerable e o motivo de que esteemos hoxe aquí”.

Gómez Pérez afirmou que o motivo da marcha a Madrid “é reivindicar a situación que se vive en Ourense e solicitar o amparo das institucións nacionais ante o atropelo do Partido Popular de Ourense e do seu líder, Manuel Baltar”. O vicevoceiro socialista finalizou subliñando que “queremos que comprendan a situación de Ourense, unha provincia que está a morrer e nunha situación na que non pode seguir así nin un só minuto máis”.