Máis de 800 persoas desfrutaron do programa Vacacións en Familia en Carballiño, Panxón e Nigrán

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, sinalou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego que máis de 800 persoas participaron durante o verán no programa da Xunta de Galicia Vacacións en familia, que permite unha estancia vacacional nalgunha das residencias públicas do Carballiño e de Panxón, en Nigrán. Medio millar acudiu ao centro pontevedrés e 300 ao da provincia de Ourense.

Jacobo Rey explicou que este programa emblemático tivo que ser suspendido o ano pasado por mor da covid-19. Sen embargo, subliñou que neste 2021 retomouse con todas as precaucións e con máis facilidades ca nunca para as familias que máis o necesitan: as numerosas, as monoparentais, as de acollida e as vítimas de violencia de xénero. Como novidade, este ano todas elas tiveron prioridade en todas as quendas ofertadas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así mesmo, fixo fincapé en que os participantes contaron con todas as garantías e medidas de seguridade. Para iso, foi necesario facer reducións de aforo, ofertar a metade de prazas que durante un ano normal, realizar test aos usuarios á súa entrada á residencia e reforzar as medidas hixiénico-sanitarias.

1600 persoas nas residencias de tempo libre

O director xeral salientou que a maiores do programa Vacacións en Familia, as residencias de tempo libre do Carballiño e Nigrán tamén acolleron outras actividades desde o mes de xullo.

Nestes centros celebráronse tamén campamentos de verán e acolleron a iniciativa Conecta co xacobeo, dirixida a galegos residentes noutras comunidades autónomas e noutros países europeos que veñen a Galicia para facer o Camiño de Santiago. Deste xeito, preto de 1600 persoas hospedáronse nas dúas residencias de tempo libre de titularidade autonómica.