Manuel Baltar: “A Mobile Week Ourense é o paso definitivo para converter a provincia en escaparate de innovación e vangarda”

No Teatro Principal, onde se celebrou o acto inaugural, o presidente da Deputación destacou “a sacudida tecnolóxica” que supón este evento para a provincia, onde “vimos combinando a vangarda e a innovación cun territorio que ten o maior potencial termal de Europa, ademais de historia, patrimonio, un gran tesouro arquitectónico ou o maior número de espazos naturais protexidos de Galicia”

Na primeira mesa da xornada, sobre os fondos Next Generation, Manuel Baltar advertiu que “non debemos perder a perspectiva da planificación, porque do que se trata é de deseñar proxectos e non facer obras”, reclamando “certezas sobre a repartición dos fondos e o protagonismo dos gobernos provinciais á hora de xestionar estes recursos”

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou hoxe no acto inaugural da Mobile Week Ourense 2021 que “este é o paso definitivo para converter á provincia no escaparate da innovación, do futuro, a vangarda e a prestación dos mellores servizos públicos á cidadanía”, un evento tecnolóxico “que partindo da vontade de transformación que temos axudaranos a autoexigirnos, nutríndonos das experiencias que imos coñecer nos próximos días”.

No Teatro Principal comezou a primeira das tres edicións da Mobile Week que se celebrarán en Ourense, grazas á alianza da Deputación coa Fundación Mobile World Capital Barcelona e a Rede Mundo Atlántico. Un acto que, moderado polo comunicador Manuel Campo Vidal, contou tamén coa participación de Eduard Martin, director do programa 5 G MWC da Mobile World Capital Barcelona, aos que sumaría minutos despois a experta internacional Sandra Sinde para iniciar unha mesa de debate sobre os fondos Next Generation e a oportunidade que supoñen para o desenvolvemento das rexións.

Manuel Baltar enmarcou “a sacudida tecnolóxica” que supón este evento para a provincia en “outra sacudida que será a transformación de Ourense nun aeroporto terrestre en vésperas da chegada da alta velocidade, o cal nos dará a extraordinaria capacidade de conectarnos con calquera capital do mundo vía Madrid, medindo as distintas en tempo e non en quilómetros”. Unha mellora das comunicacións que “nos dará maior competitividade”, destacando que se trata dun obxectivo “onde vimos combinando desde hai tempo a vangarda e a innovación cun territorio que ten o maior potencial termal de Europa, ademais de historia, patrimonio, un gran tesouro arquitectónico ou o maior número de espazos naturais protexidos de Galicia”.

“Temos todas as pezas dun gran quebracabezas que o goberno provincial está a unir para visibilizar o territorio”, engadiu o presidente provincial, citando entre esas pezas o Parque Tecnolóxico de Galicia, o centro de I+D+i máis importante de Galicia; o edificio Provincia Intelixente que en colaboración Abanca congrega a concentración de emprego tecnolóxico máis alta do territorio; ou o Centro Galego de Innovación de Formación Profesional que en semanas abrirá as súas portas, sen deixar de mencionar “esa fábrica de talento que é a Universidade de Vigo a través do campus ourensán e a necesaria colaboración público-privada”, cunha cita expresa á Confederación Empresarial de Ourense.

Eduard Martin referiuse pola súa banda á oportunidade de “trasladar a Ourense o espírito da Mobile World Capital Barcelona, para ter unha sociedade máis inclusiva dentro desta contorna dixital”. Internet e as comunicacións móbiles, dixo, “cambiaron o mundo e cando cambia a maneira en que os humanos nos comunicamos entramos nunha nova era, onde debemos coidar que ninguén quede atrás, e a Mobile Week persegue precisamente este obxectivo, tanto desde o punto de vista económico como social e de oportunidades”. Innovar, transformar e transferir son os tres grandes retos aos que se enfronta a nova sociedade dixital, subliñou, ademais de apuntar a necesidade “de incorporar moito talento e mesmo reconverter empregos”.

Fondos Next Generation: planificación e proxectos

Na primeira mesa da Mobile Week Ourense, que virou ao redor dos fondos Next Generation, Manuel Baltar advertiu que “non debemos perder a perspectiva da planificación, o cal temos interiorizado e por iso hai meses presentamos unha estratexia de captación de fondos, incluído o marco financeiro plurianual 2021-2027, con 16 proxectos tractores que benefician por igual aos 92 concellos da provincia, porque do que se trata é de deseñar proxectos e non facer obras”. Insistiu o presidente provincial en reclamar “certezas sobre a repartición dos fondos europeos e o protagonismo que deben ter os gobernos provinciais á hora de xestionar e ser beneficiarios destes recursos”.

No próximos tres anos, explicou entre tanto Sandra Sinde, “imos dispoñer do 80 % do que recibimos de Europa en trinta anos, o cal é unha gran oportunidade pero tamén un gran compromiso pois debemos investir eses fondos en proxectos que revertan nas futuras xeracións”, advertindo que é preciso poñer o foco en como se xestionarán. Despois de tantos titulares sobre esta cuestión, para Eduard Martin outra das cuestións para ter en conta é a necesidade de non perder de vista a finalidade destes fondos “primeiro para superar a pandemia, despois para a dixitalización e a sustentabilidade”.

Premios Mobile Week

Tamén na mesma xornada Manuel Baltar foi o encargado de entregar os premios cos que a Mobile Week distinguirá, nas tres edicións que se celebrarán na provincia, a colectivos e persoas relacionados cos eixos temáticos do evento. Nesta ocasión os galardóns foron para a presidenta executiva do grupo Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez, e o colectivo de empresarios galegos en Lisboa, representado por Francisco Guisado. Adriana Domínguez foi recoñecida polo seu labor á fronte dunha compañía ourensá na que liderou unha transformación que ten entre os seus principais piares a sustentabilidade e a innovación dixital. O premio aos empresarios galegos en Portugal destaca o impulso á cooperación e proxección cara a outros territorios vinculados á lusofonía.

Máis de 40 actividades

Desde hoxe e ata o martes, día 23, a Mobile Week celebrará en Ourense e provincia máis de 40 actividades para achegar á poboación a revolución tecnolóxica, facela máis inclusiva e promover entre as novas xeracións a adquisición de competencias no mundo dixital polas enormes oportunidades de emprego que se xerarán.

O programa completo da Mobile Week Ourense 2021 pode seguirse en mweek. com/ ourense