A Xunta destaca en Ribadavia a importancia de acompañar ás pemes do rural cara a innovación

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe durante  a parada de Camiño da innovación en Ribadavia a importancia que está a ter esta iniciativa para que as pemes e microempresas do rural teñan a oportunidade de achegarse á innovación a través dun asesoramento personalizado. “Acompañarlles nese camiño de cara a innovación significa acompañarlles nun camiño de cara á competitividade”, asegurou.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Coa desta mañá na localidade ourensá, o programa xa ten superado o seu ecuador, logo de visitar 11 dos 18 concellos galegos que ten previsto percorrer entre os meses de novembro e decembro da man da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) co obxectivo de atender máis de 200 consultas en toda a xira.

Conde insistiu no feito de que a competitividade dunha empresa, independentemente do seu sector ou tamaño, medra de forma proporcional ao que inviste en innovación, de aí o compromiso do Goberno galego de xerar unha cultura innovadora no tecido empresarial.

“Nesta dinámica de traballo, estamos impulsando precisamente na provincia de Ourense diferentes iniciativas como espazos de coworking que desenvolveremos na comarca de Valdeorras, O Carballiño e en San Cibrao das Viñas (Tecnópole), así como a aceleradora para favorecer tamén a internacionalización que organizaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia; iniciativas todas elas que van moi orientadas ás empresas máis pequenas para que teñan esa oportunidade de emprendemento e tamén de innovación”, destacou.

Innovar a través do deseño

Así, tendo como premisa que innovar é apostar tamén polo deseño, a Xunta de Galicia vén de resolver o programa de axudas DeseñaPeme, no cal o 25% das empresas beneficiadas pertencen á provincia de Ourense –suman preto de 360.000 euros en apoios e mobilizarán máis do dobre, cerca de 763.000 euros–.

Neste sentido, Conde destacou unha vez máis a importancia da colaboración
público-privada entre a Xunta de Galicia e o tecido empresarial ao permitir impulsar, como neste caso, seis proxectos que apostan pola innovación en produtos e servizos a través do deseño.

Exemplos próximos

Ademais do asesoramento personalizado, Camiño da innovación conta tamén coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais. Na cita de hoxe en Ribadavia contouse coa presenza de Lenda Pet Food
–dedicada á venda de comida para cans e gatos–, a recoñecida bodega Viña Costeira e Veigas de Sabugueiro –especializada na produción de marmeladas ou licores a base do froito e as flores deste arbusto–. Tres exemplos, tal e como salientou o vicepresidente segundo, que lembran as oportunidades que hai no rural para emprender.

O programa chegará mañá, mércores 24, a San Cibrao das Viñas, mentres que o xoves 25 estará en Xinzo de Limia e o vindeiro luns 29 está previsto que se desenvolva na Veiga, pechando así o seu percorrido pola provincia de Ourense.

Pode consultarse máis información sobre próximas citas de Camiño da Innovación neste enlace.