Espazo Común recibe queixas de empresarios e usuarios da área industrial que reclaman ao concello a limpeza dos viais que presentan un aspecto lamentamble

NOTA INFORMATIVA DE ESPAZO COMÚN:

O abandono que presenta é un reflexo máis da desastrosa política do goberno de Fumega que gasta centos de miles de euros en orquestas e noutras frivolidades e é incapaz de ter o pobo minimamente limpo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os membros de Espazo Común levamos semana recibindo queixas dos empresarios da Área Empresarial do Carballiño e de moitos usuarios que traballan ou pasean pola zona encol do penoso estado que presentan os diferentes viais e rúas do mesmo.

A maleza invadeo todo e a imaxe case que se podería tildar de postapocalíptica.

Falamos do motor económico do pobo, onde traballan directamente centos de persoas a diario e por onde pasan milleiros: transportes, servizos, etc…

Adxuntamos varias imaxes que acreditan estas afirmacións.

Tristemente, non é un feito illado. Durante todo este ano tivemos que soportar en rúas e parroquias do Carballiño o desleixo dun goberno incapaz e dun alcalde ao que as responsabilidades básicas están a resultarlle demasiado grandes.

Tamén é certo que é unha cuestión de prioridades, namentres se fan expedientes para mercar esculturas de 40.000 € e se pechan contratacións de orquestras en tempo récord, cuestións importantes como a limpeza da maleza no rural ou o mantemento das zonas verdes do casco urbano foronse deixando ata o punto de resolverse case a finais do verán.

Mesmo no caso desta última licitación, con irregularidades que provocaron que un tribunal anulase a adxudicación e que a día de hoxe o Concello non o estea prestando nin con traballadores públicos (a día de hoxe, a área de Medio Ambiente só conta con 1 operativo) nin con empresas privadas.

Insistimos en demandar (aínda que pareza tempo perdido) a Fumega e ao seu goberno un mínimo de seriedade e que atendan, polo menos, ás necesidades máis básicas dos veciños.