Marina Ortega do grupo socialista urxe a Xunta para axilizar unha nova captación de auga en Castrelo de Miño

O grupo socialista urxe á Xunta a axilizar unha nova captación en Castrelo de Miño para solucionar “canto antes” os altos niveis de contaminación por arsénico nas augas de consumo humano do municipio.

A deputada socialista Marina Ortega denuncia que o goberno local leva máis de dous anos sen tomar medidas para “protexer a saúde da veciñanza” malia as “reiteradas propostas” por parte do grupo municipal do PSdeG

AVANTAR ACTIVIDADES

A deputada do PSdeG Marina Ortega vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que axilice a posta en marcha dunha nova captación de auga no concello de Castrelo de Miño. O obxectivo desta proposta é poñer solución “á maior brevidade posible” aos altos niveis de contaminación por arsénico nas augas para o consumo humano nese municipio.

Marina Ortega explica que o problema remóntase a hai máis de dous anos. Daquela, o grupo municipal socialista en castrelo de Miño rexistrou unha moción para que se puxese fin a “unha situación preocupante para a saúde da veciñanza”. En concreto, nesa iniciativa alertábase de niveis de arsénico por enriba dos límites permitidos na captación de Coto-Novelle, que abastece a 10 núcleos de poboación do concello.

Marina Ortega denuncia que durante todo este tempo “non se tomaron medidas para protexer a saúde da veciñanza” a pesar das propostas “fundamentadas e reiteradas” por parte do grupo municipal socialista a través do pleno e das propias emendas orzamentarias. Así, a inacción e a desidia do goberno local provocou que “o problema non se resolvese a tempo” e que “os niveis de arsénico continuaran disparándose converténdose nun perigo para a saúde dos habitantes de Castrelo de Miño”.

A deputada socialista sinala que, neste momento, “parece que o goberno municipal finalmente reaccionou tomando en serio un problema que afecta a un núcleo de poboacional importante”. Con todo, lembra que se trata dunha circunstancia que “se ven arrastrando dende hai máis de dous anos” e que “non se pode agardar máis tempo a ter unha solución inmediata”, xa que “estamos a falar da saúde dos veciños e das veciñas”.

Por iso, Marina Ortega reclama que a Xunta coordine unha estratexia que “axilice canto antes unha solución para a veciñanza de Castrelo”. Nese obxectivo, ademais dunha nova captación de auga no Miño, a parlamentaria do PSdeG tamén lle solicita ao goberno galego que colabore co concello mediante unha campaña informativa “co alcance suficiente” para chegar ao maior número de habitantes de Castrelo de Miño.