Aprobadas as bases da convocatoria de axudas para as Copas Deputación de 2022

IES CHAMOSO LAMAS

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática nunha sesión extraordinaria presidida por Manuel Baltar, aprobou as bases da convocatoria de subvencións para as Copas Deputación de 2022. Trátase dun programa cunha importante implantación na provincia que canaliza as axudas ao deporte de competición federado, garantindo a continuidade de competicións amadoras que, en moitas ocasións, son a única actividade regulada que se organiza na provincia para determinadas disciplinas.

Estas achegas permitirán celebrar, nunha ou varias xornadas, competicións deportivas que, baixo a denominación de Copa Deputación, se desenvolvan integramente na provincia durante a tempada 2021-2022, sen que poda organizarse máis dun torneo por modalidade. Poderán beneficiarse destas achegas as federacións deportivas galegas a través das súas respectivas delegacións na provincia, ou solicitalas directamente no caso de que a sede federativa estea na provincia ou non exista delegación en Ourense.

HIPER MASIDE

O prazo de presentación de solicitudes abrirase trala publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 31 de maio.  Quedan excluídas desta convocatoria as copas de fútbol e fútbol-sala, que pola súa dimensión na provincia financiaranse a través dunha subvención nominativa.

A Xunta de Goberno tamén aprobou senllas axudas no ámbito de cooperación local: case 23.000 euros para o arranxo de vivendas sociais en Riós e preto de 10.000 para a mellora do bombeo de auga en Trasmiras.

Na sesión desta mañá aprobouse ademais o prezo público de 20 euros para as entradas do concerto que o grupo Hombres G ofrece mañá sábado, día 23 a partir das 21.00 horas, no pavillón dos deportes Paco Paz, no marco da Semana das Industrias Culturais e Creativas (ICC WEEK). As entradas aínda se poden adquirir a través da plataforma electrónica Ataquilla, e o mesmo día do concerto na billeteira do pavillón.