Carmen Rodríguez Dacosta do grupo socialista cualifica de “suspenso rotundo” as políticas da Xunta en materia de igualdade

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta cualificou hoxe de “suspenso rotundo” as políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade. Fíxoo no Parlamento de Galicia, en resposta á comparacencia da conselleira de Emprego.

Publicidade

Alí, a parlamentaria do PSdeG tamén tachou de “indecencia” e definiu como “intolerable” que o goberno galego recorte “brutalmente” nun 25 por cento o orzamento destinado á corresponsabilidade ou que tampouco leve a cabo a actualización do Plan de Conciliación, tal e como se aprobou na Cámara autonómica.

“Xa estamos acostumadas”, enfatizou Carmen Rodríguez Dacosta, “ao cinismo da Xunta, pero o noso deber é denuncialo tendo en conta que as mulleres fomos as que sufrimos en maior medida a crise da covid”. Nesta liña, deixou claro que “a corresponsabilidade é aínda un soño e correspóndenos a nós traballar para que sexa unha realidade”.

Para avanzar nese obxectivo, a deputada socialista incidiu na necesidade de adoptar “medidas novas e de maior calado”, así como de facer avaliacións, porque “continuar a cegas non nos leva a ningures”. “Así”, proclamou, “non combateremos a desigualdade estrutural do noso país, unha batalla que non estamos gañando”.

Por iso, a deputada socialista lamentou “unha nova oportunidade perdida” para implementar medidas que teñan o propósito claro de conseguir a igualdade real entre homes e mulleres. “O fomento e consecución da corresponsabilidade”, subliñou, “é o primeiro chanzo para conseguila e non percibimos que sexa unha preocupación real para este goberno máis aló da posta en marcha de accións miúdas de pouco calado e sen continuidade no tempo”.

Ao mesmo tempo, Carmen Rodríguez Dacosta tamén lle pediu explicacións á conselleira polo “auténtico escándalo” de que a Xunta vulnerase a normativa de protección de datos ao usar os datos facilitados por emprendedoras para optar a unha subvención pública para encher “un acto propagandístico” como a gala de aniversario do programa Emega.

“Parécelle a vostede correcto”, preguntou a parlamentaria do PSdeG, “xogar coas expectativas de máis de 1.500 mulleres que se sentiron presionadas cunhas chamadas dunha empresa privada de organización de eventos nas que se lles suxería que as axudas se coñecerían nese mesmo acto, como así foi finalmente?”

MEDIDAS CONTRA A TEMPORALIDADE E A PRECARIEDADE

No eido do emprego, Carmen Rodríguez Dacosta  reiterou a necesidade de que Galicia conte cun novo marco laboral que reverta o uso da temporalidade e a parcialidade involuntaria. Ao mesmo tempo, avogou por recuperar un marco de negociación colectiva “máis equilibrado” e que a consellería acometa “unha profunda reforma” no sistema de políticas activas, posto que “o actual funciona de forma incompleta e non sitúa aos desempregados no centro das súas preocupacións”.

Como exemplo disto, a deputada socialista lembrou que despois do verán o paro desbancou á pandemia como o principal problema dos galegos e as galegas. En paralelo, tamén se incrementou o temor a que o emprego se siga precarizando, algo que preocupa de maneira especial, sobre todo, á mocidade e aos autónomos.

Así, recordou que os datos da última EPA reflicten que “a precariedade continúa a ser unha constante”, cunha taxa de temporalidade do 26 por cento e unha taxa de parcialidade dun 13,4 por cento. Así, en Galicia, só 9 de cada 100 contratos que asinaron en outubro foron indefinidos.

Por outra banda, as mulleres e os mozos seguen a ser os que máis sofren o paro, e o desemprego experimenta unha forte caída no sector da industria, con 8.800 postos de traballo menos, cando no resto do Estado se rexistra un repunte interanual de 40.400 empregos máis.

Neste escenario, Carmen Rodríguez Dacosta lamentou que a Xunta e o Partido Popular sigan desbotando “cada iniciativa en positivo que lle presentamos”. A modo de exemplo mencionou un plan de emprego  xuvenil, un plan de choque para parados de longa duración, un plan de loita contra a fenda salarial que sofren as mulleres galegas e “o necesario e urxente” fortalecemento do Sepe de Galicia, con dotación de medios materiais e humanos, “para que se converta nun verdadeiro intermediario e punto de apoio das empresas para solicitar empregados aptos para as súas necesidades”.

Con respecto a este asunto, a deputada socialista denunciou que Galicia leva tempo sufrindo escaseza de man de obra. Trátase dunha “preocupante realidade” que está motivada en parte por causas imputables á Xunta. Entre elas atópanse a falla de diagnose ou a carencia de políticas activas encamiñadas a reverter as eivas do mercado laboral.

A FALTA DE EXECUCIÓN ORZAMENTARIA E AS TRAMPAS DA XUNTA

Mención especial merece a escasa execución orzamentaria, que deixou sen utilizar 1.540 millóns de euros en materia de emprego entre 2009 e 2020. Lonxe de corrixirse, esta situación repetiuse nos últimos anos.

Como exemplo, en 2020 deixáronse sen gastar un de cada tres euros para política de emprego, cunha porcentaxe de execución do 66,8 por cento. Para máis, o investimento en materia de emprego é aínda máis baixo cando o PP coincide no goberno do Estado e no da Xunta, como aconteceu no período 2013-2016.

A estas circunstancias, Carmen Rodríguez Dacosta sumou a súa “indignación” polo feito de que a Consellería decidise de maneira unilateral non respectar o acordo de renovar de forma automática as demandas de emprego. Deste xeito, a Xunta puido dicir que “Galicia lideraba a caída do paro, cando o que liderou foi a adopción de medidas tramposas”. Porén, “unha vez deixadas as trampas e cando todo o Estado regresaba ao sistema tradicional” Galicia volveu destruír 5.400 empregos tan só no mes de setembro.

Neste escenario, Carmen Rodríguez Dacosta tamén evidenciou o “verdadeiro comportamento do traballo” en Galicia, cunhas cifras que revelan que nos últimos catro trimestres Galicia perde 10,5 por cento das horas habitualmente traballadas en relación co mesmo período de 2009.  Isto supón o equivalente a 125.000 empregos a tempo completo. Nesta liña, “ a maior eiva atopámola no sector primario, onde “desapareceu o equivalente a un de cada tres postos de traballo, ao redor de 36.000”.

En conclusión, 146.172 parados de media no ano 2020 “e non buscaron a maneira de vincular que estas persoas puideran ter unha compensación mediante política activas”.