A Xunta apoia con axudas de preto de 72.000 euros obras de abastecemento, saneamento e depuración no concello de Trasmiras

O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén visitou esta mañá as actuacións

Publicidade
  • O delegado territorial subliñou que na provincia de Ourense 67 concellos percibiron 95 axudas de Augas de Galicia que teñen como obxectivo  mellorar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración que son de competencia municipal
  • Gabriel Alén explicou que o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destina preto de 9 millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes
  • O representante do Goberno galego mantivo na Casa do Concello un encontro co alcalde, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, visitou esta mañá as obras de mellora no bombeo de auga potable, e as de instalación  da EDAR para o núcleo de Vilar de Lebres, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas e Galicia, apoia a través de axudas concedidas ao Concello por importe de preto de 72.000 euros: 39.847, para a mellora do bombeo de auga: e 31.842, para a depuradora do núcleo de Vilar de Lebres.

O delegado territorial explicou que na provincia de Ourense 67 concellos percibiron 95 axudas destinadas a mellorar estes servizos de competencia municipal, das que 46 están destinadas a optimizar o funcionamento do abastecemento municipal e 49 á modernización, eficiencia e eficacia no saneamento e depuración.

Gabriel Alén aclarou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa outorgou nunha primeira quenda 105 axudas a 83 concellos para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento global que rolda os 4 millóns de euros. Pero a Xunta ampliou en preto de 5 millóns de euros as axudas que permitiron 112 novas actuacións de saneamento e abastecemento en 87 concellos.

Deste xeito, o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destina nestas dúas quendas preto de 9 millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes e garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas é de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

A Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Reunión co alcalde

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo na Casa do Concello un encontro co alcalde, Emilio José Pazos, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica. Así, durante a xuntanza fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.