O BNG demanda a mellora da Atención Primaria ante a Deputación de Ourense

Bernardo Varela demanda o apoio do ente provincial para reforzar a atención primara con máis recurso e menos precariedade laboral do persoal sanitario.  

Publicidade

Ante o 25 de novembro Varela traslada á deputación a demanda do BNG de crear un xulgado especifico de violencia de Xénero en Ourense. 

O BNG fai da  actualización e modernización da liña convencional de ferrocarril polo Miño Ourense-Vigo unha prioridade para mellorar as comunicacións terrestres.

O voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, traslada ao pleno da deputación provincial deste mes de novembro unha defensa da atención primaria, que xa trasladou durante o debate do “estado da provincia” coa que demanda solucións que son esixidas pola Plataforma SOS Sanidade Pública. 

Desde o grupo nacionalista reclaman contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal sanitario, coa aplicación un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que redimensione os equipos multidisplinares para dar cobertura as necesidade de saúde da poboación.

 Así mesmo, tal como demanda a Plataforma SOS Sanidade Pública, o BNG demandará ante o ente provincial instar á Consellaría de Sanidade a incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado a Atención Primaria co obxectivo de alcanzar o 25% do orzamentos, sendo ademais este orzamento de carácter finalista para que non terminen noutras partidas. 

 Antes da pandemia a Atención primaria atravesaba unha profunda crise estrutural, con demoras e masificación da asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do PP, indica Varela. Na actualidade, os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12% do orzamento sanitario total, polo que é evidente e urxente este incrementalo.  “As lista de agarda e as deficiencias no servizo na atención primaria están a producir situacións que agravan doenzas, indica o voceiro do BNG, e por iso solicitamos o apoio da Deputación para esixir o reforzamento do servizo de atención primaria.”

 O voceiro do BNG na Deputación de Ourense tamén sinala que a falta de persoal comeza a ser un problema ante a aparición de novos gromos de Covid, que xa teñen xerado a saturación do Autocovid pola falta de persoal, xa sen entrar en que antes había tres e agora só hai un.  A aparición de gromos esixe a realización de cribados masivos que resultan imposibles de realizar  pola falta de persoal, evidenciándose  a dificultade de reactivar un servizo que está lonxe de ser prescindíbel.  

O BNG demanda desde a Deputación un Xulgado especifico de Violencia Machista en Ourense e máis recursos económicos do Estado e da Xunta de Galiza 

 Bernardo Varela traslada á Deputación a necesidade dun Xulgado especifico de Violencia Machista para Ourense, reivindicación que o BNG xa plasmou nos acordos de investidura co PSOE en Madrid e que  foi ignorada unha vez máis nas negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado de 2022. . 

 O voceiro nacionalista deixou xa de manifesto a situación que vive Ourense, indicando que o xulgado número 3 de Ourense, que comparte casos de violencia de machista con outras temáticas é o xulgado máis saturado de Galiza. Polo que é de xustiza materializar este xulgado específico de violencia machista en Ourense.

 Varela tamén demanda a necesidade de incrementar recursos aos concellos por parte doo goberno do Estado,  para poder efectivizar as medidas establecidas. Concellos cunha media de cinco mil habitantes perciben uns oitocentos euros, o que a todas luces é insuficiente, situación que se agrava cando falamos de concellos máis pequenos con asignacións económicas inferiores.

Demanda así mesmo  da Xunta de Galiza desde a Deputación provincial, o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2022 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, como por exemplo no ámbito da atención psicolóxica garantida desde a atención primaria. E o reforzo e ampliación dos Centros de Información ás Mulleres.

O BNG demanda a mellora da liña convencional de ferrocaril  entre Ourense e Vigo 

 O voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, propón ao pleno provincial instar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a mellorara e a actualización inmediata da liña convencional de ferrocarril polo Miño entre Ourense e Vigo. Dentro dun proceso de investimento para o mantemento regular e mellora das liñas de ancho convencional que percorren a provincia para unha circulación segura e eficiente dos nosos trens.

 “Pois máis alá de que o MITMA comprometa no seu momento unha nova liña de AVE entre Ourense e Vigo”, declara Varela, “resulta evidente que esta liña ainda vai tardar en chegar, polo que é máis factible  priorizar a mellora da liña existente ao carón do Miño, para chegar  nunhas condicións dignas até Vigo.”

Varela reitera a necesidade de que se teñan en conta as dúas declaracións institucionais aprobadas fai só un mes na Deputación de Ourense denominadas: “sobre a problemática do ferrocarril na provincia de Ourense” e a declaración institucional “en defensa do ferrocarril público e social” nas que se demanda entre outras cuestión a recuperación de frecuencias, persoal, melloras de infraestruturas e a promoción trens de proximidade, así como a recuperación de estacións para ofertar un servizo público digno e de calidade aos cidadáns e articular o noso territorio.