Paloma Castro do grupo socialista urxe á Xunta a reforzar os recursos para os xulgados que tratan a violencia de xénero en Galicia

Paloma Castro alerta de que o colapso dos xulgados especializados de A Coruña e Vigo e dos mixtos en Ferrol, Santiago, Lugo e Ourense limita o dereito á tutela xudicial efectiva das vítimas

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, alertou hoxe do colapso dos xulgados especializados para a Violencia de Xénero de Vigo e A Coruña, que tamén afecta ás salas mixtas en Ferrol, Santiago, Lugo ou Ourense. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que reforce os recursos de persoal para a estes xulgados.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista alerta de que o colapso nos xulgados dilata os procedementos e polo tanto “cercena o dereito a unha tutela xudicial efectiva”, poñendo ás vítimas en risco de “resolucións apresuradas, sen instrución ou investigación suficiente que permita esclarecer de forma efectiva tódolos aspectos da situación denunciada”.

Castro levou ao Pleno do Parlamento as demandas dos axentes xudiciais, que “levan meses alertando desta situación”, e reclamou que tomen medidas para protexer ao persoal que ten que se enfrontar a estes casos sen os recursos necesarios. Ademais, instou a levar á Comisión Mixta a creación dun Plan global de reforzo para os Xulgados Mixtos, abrindo a vía ao aumento dos xulgados específicos.

Alerta de que a eficacia destes órganos xudiciais depende de que sexan os necesarios no territorio galego, ademais de que dispoñan do persoal suficiente. Alertou de que ademais das consecuencias para as vítimas, esta situación produce un efecto “inhumano para os traballadores e traballadoras dos xulgados, que teñen que destinar unha dedicación case exclusiva aos casos de violencia de xénero”, o que resulta “inviable” cos recursos dispoñibles actualmente.

A responsable socialista explicou que, de acordo co informe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o número de vítimas teñen aumentado ata as 1.636, e as ordes de protección acordadas creceron ata as 434, nun exercicio no que se emitiron 606 sentenzas, o 77,5 por cento delas condenatorias.

Explicou que no segundo trimestre deste mesmo ano rexistráronse 1.649 denuncias por violencia de xénero, un 10,4 por cento máis que no mesmo período do ano pasado, en pleno confinamento, e un 2,6 por cento máis que no segundo trimestre de 2019.