A Deputación destina máis de 6,2 millóns de euros ao plan de cooperación ás obras e servizos municipais e á rede viaria provincial

No pleno ordinario de novembro, a corporación aprobou o programa do Ciclo da Auga, unha carta de servizos onde cada concello pode adherirse en calquera momento ás asistencias que necesiten en materia de abastecemento, saneamento ou augas de baño, así como o orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras, por importe de 1,4 millóns de euros 

No apartado de proposicións, o pleno adheriuse á declaración institucional da FEMP con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sumándose “a todas as voces que claman por un futuro en igualdade”, ademais de defender unha nova liña ferroviaria de alta velocidade que una de forma directa Ourense e Vigo e pedir unha reformulación da atención primaria na sanidade pública 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 26 de novembro de 2021.- O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de novembro, aprobou hoxe inicialmente as bases reguladoras do Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para 2022, que contará cun orzamento de máis de 6,2 millóns de euros financiados na súa integridade pola Deputación. O investimento previsto na rede viaria provincial é de 1,5 millóns de euros, mentres que o relativo ás obras municipais, incluída a entidade local menor de Berán, supera os 4,7 millóns de euros. Desta cantidade, algo máis de 4,4 millóns están destinados á execución material das obras e o resto, 276.000, a servizos complementarios como asistencias técnicas para a redacción de proxectos, dirección de obras e coordinación de seguridade e saúde. A distribución territorial destes fondos asigna para cada concello a cantidade de 51.000 euros, dos que 48.000 investiranse nas obras e os 3.000 restantes nos mencionados servizos complementarios. No caso da entidade local menor de Berán, as cantidades asignadas son de 24.000 e 2.000 euros, respectivamente. 

O documento recolle tamén o plan de gastos correntes co que a Deputación axuda aos concellos que acreditan insuficiencia financeira e orzamentaria, así como o réxime especial a causa da pandemia da covid-19, de tal xeito que os concellos poderán optar entre adherirse ás bases xerais do plan ou solicitar o ingreso nas arcas municipais de todo o importe da achega provincial ás obras municipais (51.000 €) para a amortización de créditos ou o financiamento de gastos correntes derivados da prestación de servizos mínimos obrigatorios. 

Na sesión celebrada esta mañá no Pazo Provincial tamén se aprobou inicialmente o Programa de Asistencia a Entidades Locais para a xestión de servizos municipais do Ciclo da Auga para 2022, unha carta de servizos onde cada concello pode adherirse en calquera momento ás asistencias que necesiten, sexa en materia de abastecemento, saneamento ou augas de baño. Para o próximo ano o programa incorpora dúas novidades: o mantemento dos prezos das distintas accións e bonificacións ou descontos para determinados servizos, nomeadamente a limpeza de depósitos, cando estas accións se solicitan agrupadas, o que axudará a unha mellor planificación e unha execución máis eficaz.  

Neste mesmo ámbito de colaboración na xestión dos servizos municipais da auga, aprobouse tamén con carácter inicial o orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras para 2022, por un importe próximo a 1,4 millóns de euros. 

Outro dos asuntos tratados hoxe refírese a un programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense. Trátase de catro proxectos, por un valor total de máis de 7,6 millóns de euros, aos que a Deputación contribuirá con 4.000 euros, mil por cada obra, facilitando así a ampliación dos prazos para a contratación e execución dos traballos, que deberán estar rematados a finais de 2022. 

No ámbito da cultura ratificouse a proposta da presidencia para iniciar o expediente de outorgamento do título honorífico de Fillo Adoptivo da Provincia ao comunicador Manuel Villanueva de Castro, recoñecendo unha traxectoria profesional que “tense caracterizado por un apoio permanente a cantas iniciativas se lle teñen formulado desde Ourense”. 

Na orde do día tamén figuraba un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe superior aos 98.000 euros; a aceptación da delegación de competencias do Concello de San Cibrao das Viñas para tramitar un expediente de expropiación dentro do plan municipal de infraestruturas; e o adianto ao día 17 do pleno ordinario de decembro, ao coincidir as datas habituais de convocatoria coas festas de Nadal. 

Declaración institucional polo 25N 

No apartado de proposicións, a corporación provincial adheriuse á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sumándose “a todas as voces que claman por un futuro en igualdade”. Entre outros puntos, a declaración recolle a preocupación ante a violencia vicaria ou as altas taxas de emprego temporal entre as mulleres, advertindo do perigoso aumento da brecha de xénero e demandando apoio ao espírito empresarial das mulleres. Recoñécese a violencia machista como “un problema político de primeira orde, de saúde pública e como un grave atentado aos dereitos fundamentais”, avogando por máis accións dirixidas á eliminación de normas discriminatorias e o reforzo de programas de prevención, ademais de ratificar o compromiso da FEMP co Pacto de Estado contra a violencia de xénero. 

En materia de infraestruturas, instouse á Deputación a manifestarse publicamente en defensa dunha nova liña ferroviaria de alta velocidade que una de forma directa Ourense e Vigo, con tempos de viaxe competitivos e comparables aos da liña Ourense-Santiago de Compostela, solicitando ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que impulse a tramitación para executar a nova conexión de alta velocidade con Vigo. 

Ademais, no ámbito sanitario, o pleno tamén acordou instar á Xunta de Galicia a iniciar antes do remate do ano unha reformulación da atención primaria coa incorporación dun maior número de especialistas; mellorar as condicións de eventualidade dos profesionais do Sergas, unha xerencia en cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI); ou unha maior coordinación de servizos con atención á saúde mental. Tamén se insta ao Goberno central á habilitación dos centros de saúde para formación; realizar unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR; facilitar a formación anual de máis especialistas; e eliminar as limitacións ás taxas de reposición.