O Psdeg-Psoe denuncia que o PP torpedea a construción dunha nova liña directa de alta velocidade entre Ourense e Vigo

Villarino defendeu que a opción Mondariz permitiría realizar a viaxe a Vigo en menos de media hora e a Pontevedra nuns 40 minutos. “Teríamos mellores tempos e sería máis económica”, incidiu

Baltar, a tránsfuga Montse Lama e o partido de Jácome impediron que a Deputación de Ourense condene públicamente discursos negacionistas contra a violencia machista

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia que o PP “torpedea” e “boicotea” a construción dunha nova liña ferroviaria de alta velocidade entre Ourense e Vigo, “atacando o futuro de Ourense e do sur de Galicia”, logo de tombar no pleno de novembro da Deputación, a moción socialista que reclamaba ao Ministerio de Transportes un estudo informativo sobre esta infraestrutura con “tempos competitivos” e cun trazado “o máis directo posible”. A moción tamén instaba á institución a manifestarse publicamente en favor desta necesaria obra.

Os e as socialistas mantiveron, a comezos de mes, un encontro con representantes da plataforma en defensa desta liña. Tralo encontro concluíron que “esta opción é a única alternativa óptima” porque asegura “a mellor conectividade”. O voceiro, Rafa Villarino, pediu hoxe aos conservadores que “non destrúan, non parasiten e non copien iniciativas”, ante a emenda de substitución do PP que “perverte” a iniciativa, antes de reclamar aos conservadores “evitar descualificacións persoais” e “pórse a traballar centrando o foco do debate neste tema”, porque estamos ante actuacións que “permitirán impulsar o futuro de Ourense”.

O voceiro recordou que a variante de Cerdedo “deixou de ser competitiva”, como recoñeceron os seus propios impulsores, ao mesmo tempo que salientou que “non existe nin estudo informativo nin algún outro traballo técnico preceptivo en vigor para Cerdedo”. Villarino defendeu que a opción Mondariz permitiría realizar a viaxe a Vigo en menos de media hora e a Pontevedra nuns 40 minutos. “Teríamos mellores tempos e sería máis económica ao aproveitar a saída sur de Vigo, actualmente en tramitación, e tamén permitiría rebaixar os tempos a Madrid e o resto de España”, incidiu.

“É a única alternativa que reduce a distancia quilométrica cun custe económico estándar”, insistiron os socialistas durante a sesión plenaria. “Esta opción tamén posibilitaría unir Madrid e Vigo nunhas 2 horas e 45 minutos, fronte ás 3 horas e 50 minutos que os trens do modelo Avril precisarán a partir do segundo semestre de 2022, ao ter que circular obrigatoriamente polo rodeo de Santiago”.

Baltar impide que a Deputación de Ourense condene os discursos negacionistas contra a violencia machista

Manuel Baltar e os seus socios –a tránsfuga Montse Lama e Democracia Ourensana– tamén impediron hoxe, xusto tralo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra o 25 de novembro de cada ano, que a Deputación Provincial condene publicamente calquera discurso negacionista contra a violencia machista, ao tombar unha moción do PSdeG-PSOE que reclamaba expresamente esta proposta.

A iniciativa instaba á institución a “combater e condenar” con rotundidade “calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue a violencia de xénero”, xa que os e as socialistas consideran “fundamental” un “manifesto unanimemente contra calquera posicionamento político ou social que cuestione ou poña en dúbida minimamente estas violencias” porque “non podemos resignarnos a que algúns asuman como normal unha traxedia tan dolorosa”.

A deputada, Marga Pérez, insistiu en que “a violencia machista interpélanos” e as “administracións debemos combatela con todos os medios ao noso alcance”, antes de reclamar que “no ámbito das nosas competencias, desenvolvemos un papel fundamental na prevención, así como na información, asesoramento, protección e acompañamento”. A deputada resaltou que “non podemos resignarnos” a que “se asuma como normalidade esta traxedia dolorosamente cotiá porque non é un destino escrito en pedra, senón o resultado dunhas relacións de poder desiguais que persisten como unha crise silenciosa”.

“Non podemos quedar de brazos cruzados” e “debemos asegurar, coas nosas accións, a liberdade, a seguridade e a independencia das mulleres”, insistiron os e as socialistas. “Sabemos que o camiño será longo, pero iso só fai máis urxente que apuremos o paso e que sigamos avanzando”, proclamou Pérez. “É unha mágoa que non sumemos”, aclarou na súa quenda de peche a deputada, quen recordou que o PSOE buscaba “unir as propostas de todos os grupos” pero “o PP preferiu botar en contra da iniciativa socialista” para impulsar unha emenda de substitución.

A moción rexeitada polos conservadores tamén reclamaba aos gobernos provincial e estatal medidas, dentro das súas competencias, como “impulsar políticas públicas no ámbito dos servizos sociais, promoción da sanidade e igualdade, co obxectivo da abolición da prostitución” e todas as medidas incluídas na Lei Orgánica 1/2004 e no Pacto de Estado.

Igualmente instaba ao Goberno de España “actualizar e renovar” o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero co fin de “buscar o maior consenso político e social” para a “mellora da coordinación institucional co fin de garantir que os fondos do pacto se implementen da maneira máis óptima”, así como a “impulsar un marco normativo orientado á abolición da prostitución”.