Pablo Pérez: “o intento do PSOE de enlamar o mantemento de vehículos na Deputación é pura demagoxia marrulleira”

 As insinuacións vertidas polo grupo socialista, engadiu, “non só carecen de fundamento algún, senón que poñen en evidencia o seu desleixo institucional ao estar ausentes, como moitas outras veces, nos actos organizados polo goberno provincial e, nomeadamente, na Mobile Week Ourense, a cuxa organización foron cedidos varios vehículos convenientemente acondicionados para a súa devolución.

O deputado do grupo provincial popular Pablo Pérez cualifica de “demagoxia marrulleira o intento do PSOE de enlamar o mantemento de vehículos no Pazo Provincial”, poñendo de relevo “a ousadía que ten este partido da oposición ao falar de cuestións que descoñecen absolutamente co único propósito de sacar dubidosos réditos políticos”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

As insinuacións vertidas esta tarde polo grupo socialista, engadiu, “non só carecen de fundamento algún, senón que poñen en evidencia o seu desleixo institucional ao estar ausentes, como moitas outras veces, nos actos organizados polo goberno provincial e, nomeadamente, nun evento das características e proxección da Mobile Week Ourense”. Precisamente neste contexto, subliñou Pablo Pérez, “é onde cómpre enmarcar o mantemento realizado esta mañá por funcionarios da Deputación a un vehículo da marca Porsche no patio interior do Pazo Provincial”. 

Con motivo da celebración da Mobile Week Ourense, explicou, o Grupo Breogán, un dos patrocinadores do evento, cedeu catro vehículos para cubrir as necesidades de transporte da organización e de traslado dos relatores e invitados. En concreto, os vehículos cedidos foron un Porsche, modelo Panamera, e tres Lexus, modelos RX450, IS300 e IS3000H.

Os funcionarios procederon esta mañá á limpeza dun deses vehículos para a súa devolución á empresa patrocinadora nas mesmas condicións nas que foi recibido. “Un proceso idéntico ao seguido co resto dos coches, que xa están de volta no concesionario”, aclarou Pérez. 

O deputado criticou “a ignorancia que demostran os socialistas con este tipo de acusacións, “cando o uso de vehículos cedidos por concesionarios é un procedemento habitual noutros eventos, sen ir máis lonxe como así ocorreu na última edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, que tivo entre os seus patrocinadores ao grupo Pérez Rumbao”.