Homenaxe a Blanco-Amor no cemiterio de San Francisco

O cemiterio de San Francisco acolleu hoxe a homenaxe que cada ano organiza a Deputación de Ourense, en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor, o Centro PEN Galicia e mailo IES Blanco-Amor, para lembrar ao escritor ourensán na data do seu pasamento, hai xa 42 anos. Un acto que contou coa presenza do vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández; do presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar; e o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; ademais de representantes do ámbito cultural.   

Rosendo Fernández, que destacou a “relación indisoluble entre o autor que inmortalizou Auria e a Deputación de Ourense”, subliñou que este acto “ten que ir máis aló dunha lembranza e converterse nun motivo para poñer en valor ante os máis novos que o noso escritor foi un adiantado á súa época, tanto cultural como socialmente”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Luís González Tosar, tamén en calidade de director da Fundación Blanco-Amor, sinalou que esta homenaxe é un xeito de “reivindicar a un ourensán que nos deixou unha obra absolutamente consolidada na literatura galega”, subliñando que as portas da fundación estarán sempre abertas para toda a mocidade que se achegue á poesía e á literatura”. 

No acto tamén participou a profesora do IES Blanco-Amor e membro do padroado da fundación, Soedade do Muíño, que felicitou aos estudantes que “con dedicación souberon ampliar o seu mundo coa lectura de mestres como o escritor ourensán, que inzaron os textos de experiencias humanas e xeradoras de emocións”. Precisamente unha antiga alumna do centro, Ana Fraile, foi a encargada de representar aos estudantes coa lectura dos seus poemas, inspirados na mensaxe de Blanco-Amor. Unha ofrenda floral ao pe da súa sepultura e ao son da música da Real Banda de Gaitas puxo fin á homenaxe. 

As actividades en torno á figura do escritor ourensán continuarán esta tarde no Liceo coa entrega, a partir das 20.00 horas, do XL Premio de novela Blanco Amor á escritora coruñesa Blanca Riestra, pola súa obra Aquí empeza o mar.