A Deputación incorpora puntos limpos móbiles para a recollida de residuos porta a porta

Presentación da campaña “Punto Limpo Movil” da Deputación Ourense. Asisiten Pablo Pérez Pérez (Deputado Provincial) e Javier Bobe Vázquez.

A Deputación de Ourense ven de presentar dous puntos limpos móbiles destinados á mellora do servizo de recollida de residuos voluminosos, “que permitirán reforzar a retirada destes residuos nos 54 concellos adheridos ao convenio marco, dando así tamén resposta ao considerable aumento da demanda deste servizo gratuíto porta a porta rexistrado durante este período de pandemia”, destacou Pablo Pérez, deputado delegado de Cooperación. 

Coa incorporación destes puntos móbiles -dous vehículos adaptados para este servizo-, “a Deputación de Ourense da un paso máis na súa aposta por unha xestión eficiente da recollida de residuos, evitando a aparición de vertedoiros incontrolados e facilitando á veciñanza que se podan desfacer destes residuos sen ter que se desprazar aos puntos limpos fixos”, expresou. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Destaca a boa acollida deste servizo, que durante a pandemia experimentou unha notable demanda pola maior presenza de persoas nos núcleos rurais e máis interesados polo acondicionamento das casas familiares ou segundas residencias. Así, detallou o deputado, se nos anos 2018 e 2019 recollíanse unha media de 300 toneladas anuais, “o pasado mes de setembro xa se superaba a media de anos anteriores, tendo en conta ademais que durante tres meses non se fixeron recollidas polo confinamento”.  

Na actualidade, a Deputación xestiona 17 puntos limpos repartidos por toda a provincia, onde chegarán os residuos voluminosos (mobles, colchóns, sofás, lámpadas, roupa, calzado e aparellos electrónicos ou electrodomésticos) procedentes dos domicilios. 

As persoas que desexen desprenderse destes materiais só terán que seguir uns sinxelos pasos, como chamar ao seu concello indicando os seus datos, enderezo, tipo e cantidade de residuos que ten para recoller. O concello xestionará periodicamente estas peticións coa Deputación, que será a encargada de contactar cos solicitantes para indicarlles a data na que o punto limpo móbil pasará preto das súas casas, de xeito que poidan deixar os seus residuos voluminosos ao carón do punto de recollida máis próximo a súa casa. 

O novo servizo forma parte do proxecto de implantación de punto limpo a domicilio en 54 municipios da provincia de Ourense, actuación incluída na concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de accións en materia de residuos de competencia municipal, co-financiadas polo FEDER Galicia 2014-2020, e concedida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, cun importe de 87.000 euros, sendo a porcentaxe da axuda concedida do 79,89 %.