Noemí Vázquez, Premio Pedra Alta 2026 do Museo da Limia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Padroado do Museo da Limia outorgará o Premio Pedra Alta 2026 a Noemí Vázquez Nogueiras, xerente de “A Arca de Noe”,  pola súa labor de dinamización cultural no rural,  cun proxecto que combina música, cultura, activismo e comunidade. Labor na que leva traballando dende hai máis dunha década en Vilar de Santos.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta maña no Liceo de Ourense, representantes da Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia (Xán Jardón, Presidente; Mercedes Veites, vicepresidenta e Noemí Vázquez Nogueiras, premiada), presentaron a IX edición do Premio Pedra Alta.

O acto terá lugar o vindeiro 28 de novembro, as 12:00 h, no salón multiusos do Concello de Vilar de Santos, para posteriormente concluír cun espléndido xantar de confraternidade no Restaurante Novaiño (Sandiás). Quen desexe asistir ao xantar deberá inscribirse. A comida será custeada integramente polos asistentes.

O premio, unha réplica en granito da Pedra Alta, un menhir atopado na Lagoa de Antela, elaborada por Xosé Lois Carreira, entregarase no Salón Multiusos do Concello de Vilar de Santos, nun acto público con música e o xa tradicional xantar no Restaurante Novaiño.

BASES DO PREMIO PEDRA ALTA

1º.- O Premio Pedra Alta terá un único galardoado e a súa periodicidade será anual.

2º.- Poderán ser candidatos/as as persoas físicas, asociacións ou institucións vivas, cuxa obra, accións, creacións ou achegas garden relacións estreitas ou vaian dirixidas ás Terras do Limia.

Tamén poderán ser merecentes do Premio as persoas, asociacións ou institucións vivas moi identificadas co territorio aínda que a súa obra ou actividade se proxecte fóra do mesmo.

3º.- Cada membro do Consello Asesor poderá propor as candidaturas que considere oportunas.

4º.- Correspóndelle ao Consello Asesor debater as propostas recibidas e as que se formulen directamente, nunha xuntanza que deberá celebrarse en outubro e elevar á Xunta Directiva un ou varios candidatos.

5º.- Tamén serán consideradas as propostas que cheguen avaladas cando menos por cinco persoas ou por unha asociación ou institución das Terras do Limia.

6º.- Correspóndelle á Xunta Directiva resolver sobre a proposta do Consello Asesor, concedendo ou deixando deserto o Premio Pedra Alta.

7º.- O Premio Pedra Alta entregarase antes de rematar o ano e consistirá nunha copia en granito do menhir coñecido co mesmo nome, situado no corazón da Antela que, de xeito altruísta, elaborará o escultor e membro do Consello Asesor, Xosé Lois Carreira, e máis un diploma acreditativo.

8º.- No acto solemne de entrega haberá unha lección maxistral do/a premiado/a, precedida dunha laudatio por parte da persoa que este mesmo decida previamente.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------