Avelino Muleiro: “As pseudociencias e a medicina convencional”

Dedicado a Marisa Crespo, filla predilecta da provincia de Ourense

Avelino Muleiro García :

AVANTAR ACTIVIDADES

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda


—————————————————————————————————

Algunha vez, coma neste caso, -e que sirva de precedente-, as Institucións públicas fan política. Si. Política. Non na acepción pexorativa de “política”, senón no sentido etimolóxico e semántico da palabra. Aristóteles entendía que toda institución pública “non se forma a non ser en vistas dalgún ben… e nunca fan nada a non ser o que lles parece bo” (A Política. Lib. I). Jesús Mosterín introduce nese concepto a noción de xustiza, como “imparcialidad (fairness), juego limpio, reglas del juego bien definidas e iguales para todos, sin privilegios ni discriminaciones” (La cultura de la libertad). A Deputación de Ourense acaba de dar exemplo destes valores ao conceder o título honorífico de “fillas predilectas da provincia de Ourense” a dúas científicas da comarca do carballiño, Marisa Crespo Leiro e Antonia Ferrín Moreiras. Cardióloga, a primeira, e astrónoma, a segunda. Premio ben merecido para ambas. Antonia Ferrín, a título póstumo. Marisa Crespo, a título do pasado, presente e futuro.

            A Marisa do presente é a responsable da Unidade de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Trasplante Cardíaco do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; é a veciña de Santrós de San Martiño de Lamas -sobre todo a veciña solidaria-; é a cidadá intensamente humana -e tamén a humanista-; é a gran profesional –coa ética como bandeira-; é a científica -coa cualificación de excelencia; pero, sobre todo, é a amiga. A Marisa do pasado queda suficientemente reflectida nos premios recibidos: filla predilecta do concello de San Cristovo de Cea, V Premio Ágora do Orcellón -do Instituto de Estudios Carballiñeses-, Medalla Castelao, e “Medalla de Oro y brillantes” do Colexio Oficial de Médicos da Coruña. E a Marisa do futuro? É a esperanza da medicina na especialidade da cardioloxía e a galega cun incalculable e ilimitado porvir en todas esas facetas sinaladas anteriormente.

            Grazas á Excma. Deputación de Ourense polo acerto e sensatez desta elección, e parabéns a Marisa Crespo por tal recoñecemento, así como un gran aplauso in memoriam á figura de Antonia Ferrín.

A medicina ao longo da historia

Nun pasado non excesivamente remoto, en Galicia había persoas que como xenuínos meteorólogos tiñan fama de opinar acreditadamente sobre o tempo. Boa parte daqueles expertos sacaba a información das témporas para predicir a climatoloxía dos tres meses de cada unha delas (primavera, verán, outono e inverno). O modus operandi daqueles presuntos entendidos consistía en observar a climatoloxía -especialmente a dirección e a forza do vento- durante os tres días claves de cada témpora.  Outros acudían a calendarios, especialmente agrícolas, onde aparecían os prognósticos do tempo, as fases lunares, as previsións meteorolóxicas anuais, as épocas dos cultivos, etc. A realidade é que os acertos e os erros daqueles prognosticadores andaban por igual.

            Actualmente, aquela vella obsesión foi perdendo consistencia ante a presenza dos expertos meteorólogos na televisión. E así, aquela obsesión polo tempo transmutou en querencia polos asuntos relacionados coa saúde e co seu antónimo, a enfermidade. Todo o mundo opina e cre entender de doenzas e tipos de enfermidades. Moitas desas persoas incluso se atreven aconsellar e prescribir fármacos e terapias a familiares, a amigos e a coñecidos enfermos extrapolando síntomas similares con outros pacientes tratados medicamente. Tampouco faltan quen asesoran e guian a pacientes, coñecidos seus, cunha determinada doenza, seguindo a información extraída das redes sociais ou dalgún texto, video ou documento que ofrecen os rastreadores de Google. Para un importante número de cidadáns, as redes sociais estanse convertendo nun vademecum médico enormemente perigoso para a saúde. En Internet aparecen todo tipo de terapias milagrosas para calquera clase de enfermidade, así como recomendacións sobre alimentos, exercicios físicos e actividades para gozar da mellor saúde desexable. Na trastenda desta abafadora catarata virtual sempre se esconde o disfrace da publicidade interesada, que mansamente conduce ao internauta domado ao consumo de produtos, normalmente inocuos pero caros, recomendados por youtubers ou prescritos por pseudos especialistas, cuns curricula e cunha formación intelectual que inconcretos e descoñecidos tribunais catalogan, falazmente, de excelentes.

            Sobra dicir que, tanto no caso dos populares prognosticadores do tempo como dos temerarios prescriptores de fármacos e terapias, o fracaso loce con excesiva evidencia.

            Pero tomemos en serio a saúde e a enfermidade. Asumamos que para conservar a saúde, así como para procurar recobrala con garantía cando se ve atacada, a decisión racional é acudir á medicina convencional, coñecida tamén como alopática, ortodoxa, biomedicina e medicina occidental. Esta medicina é científica e reúne as mellores condicións para intentar resolver problemas de saúde/enfermidade.

Medicinas pseudocientíficas

O método dos legos que se dedican a diagnosticar doenzas benignas, ou incluso enfermidades graves, consiste case sempre en avaliar os males propios ou alleos por analoxía con testemuñas e anécdotas doutros enfermos. Pero en ningún caso eses profanos en medicina controlan os acertos e os erros -que son necesarios para unha medicina científica-, polo que toda intromisión en calquera alteración do organismo non consta en ningún inventario, nin como éxito nin como fracaso.

            A pesar de nos enorgullecer e de presumir por xustificar gran parte da nosa conduta con argumentos racionais, o certo é que o coñecemento común, ordinario, non sempre atado pola razón, se superpón ao coñecemento científico. Incluso se amplía esa intersección cada vez máis como consecuencia da exposición que o coñecemento común logra nos medios de comunicación masiva.

            A historia da medicina vai unida de forma inexorable á historia do ser humano. Descoñecemos como actuaban os primeiros homo sapiens ante as doenzas e que tipo de enfermidades sufriron, aínda que estudando restos fósiles, infírese que sabían reparar fracturas e que nalgúns casos practicaban trepanacións. Os antropólogos que andan na procura deses datos establecen unha analoxía entre os primeiros humanos e os actuáis indios amazónicos, que utilizan varias plantas ás que atribúen virtudes curativas ou máxicas. Así mesmo, algunhas tribos deses indios establecen unha relación causa-efecto entre os espíritos malignos e certo tipo de enfermidades, especialmente mentais. Por exemplo, cren que fregando o corpo dun neno con certas plantas, o protexen dos espíritos, aos que atribúen a orixe do seu mal.

            Existe, non obstante, máis coñecemento das prácticas médicas das primeiras civilizacións porque algunhas delas persisten actualmente. As máis importantes son as da Grecia Antiga, onde brilla e sobresae a escola hipocrática; pero tampouco desmerece a escola chinesa. A medicina hipocrática era holista, pois consideraba a enfermidade como un factor que afecta a todo o organismo do paciente. Por tal razón prescribía terapias globais, como a hixiene e a boa alimentación do doente. Da causa da enfermidade non se responsabilizaba a ningunha divindade, senón ao desequilibrio dos catro humores: flema, sangue, bile amarela e bile negra. Como as causas das enfermidades son procesos naturais, cada doenza ten o seu curso, e na maioría dos casos a enfermidade cúrase sen intervención ningunha. A función do médico hipocrático consistía en corrixir ese desequilibrio.  

Anterior á escola de Hipócrates estaba o chamanismo, tradición mítico-relixiosa, na que o chamán funcionaba como sanador de enfermidades. Para esta cultura, o mundo visible está impregnado por forzas e espíritos invisibles de dimensións paralelas que coexisten simultaneamente coa nosa, afectando a todas as manifestacións da vida. Só quen coñece esas forzas metaempíricas pode curar as doenzas.

A escola chinesa tradicional tamén se fundamentaba no desequilibrio como orixe da enfermidade. A saúde existe cando hai harmonía entre o yin e o yang, pero a falta dese equilibrio produce a enfermidade. Para restablecela, os médicos chineses prescriben masaxes, acupuntura, herbas medicinais, etc.

            Forma parte das medicinas tradicionais máis antigas a medicina hindú, denominada Ayurveda, que fundamenta a súa terapia nos cinco elementos que conforman o corpo humano: terra, auga, aire, lume e éter. A desproporción deses elementos no corpo produce alteracións e doenzas. Nos libros máis antiguos desta cultura descríbense para curar máis de 700 plantas, máis de 50 preparados minerais e outros tantos de animais.

            Todas estas medicinas tradicionais seguen praticándose na actualidade, denominándose medicinas complementarias e alternativas. As terapias alternativas máis utilizadas nestes momentos son a herbalista, a ayurvédica e a chinesa. A estas uníronse máis tarde, a homeopatía, a quiropráctica e a osteopatía. Algunhas destas medicinas alternativas son holísticas, pois consideran que o tratamento debe curar ao paciente completo, non só á parte orgánica afectada.

Outras destas medicinas son homeopáticas, porque as súas terapias céntranse en preparados activos de orixe vexetal. Nalgúns casos, a melloría do paciente, mesmo nalgún caso a curación, son evidentes; ben é certo que como nesta medicina non se fan experimentos nin control estatístico, gran parte desas mellorías do enfermo son resultado do efecto placebo.

             Hai un terceiro grupo de medicina alternativa coñecida como naturopatía. Este modelo médico parte da idea de que a enfermidade ten a súa orixe nun afastamento da natureza por parte do paciente. É dicir, que o paciente dalgún modo infrinxe as leis naturais (comendo, traballando, esforzándose, pasando frío…). A diferenza da homeopatía, que utiliza medicación inocua, a naturopatía utiliza remedios naturais, fundamentalmente vexetais, que ao se incorporar ao metabolismo o alteran dalgunha maneira. Hai que distinguir esta terapia tradicional do consumo de fármacos de laboratorio producidos cientificamente, que son unha grande maioría. Pode suceder que tomando fármacos prescritos por médicos de medicina convencional interactúen negativamente con produtos naturais.

            En definitiva, as medicinas alternativas aplícanas persoas non especialistas que prescriben produtos naturais, pero con estrutura química e composición descoñecida, o que implica un alto risco de efectos indesexables.

            Pero en ningunha destas medicinas alternativas aparecen premios Nobel, nin sequera destacadas figuras que merezan unha distinción honorífica dalgunha Deputación provincial ou de calquera outra institución pública. Os premios importantes e os honores institucionais repártense na medicina científica ou convencional.

A medicina convencional

A ciencia medra e engorda coas teorías. Pero o núcleo dunha teoría debe introducir unha concepción sobre como entender o mundo que nos rodea e sobre como entendernos a nós mesmos. O Criterio de demarcación que separa a ciencia das restantes formas de coñecemento é a experimentación. As explicacións científicas teñen que estar suxeitas á posibilidade de seren rexeitadas empiricamente. Os feitos son mudos e sen unha preconcepción non se pode saber que datos son relevantes ao propósito investigador e cales non.

            A medicina convencional actúa seguindo os criterios da metodoloxía científica. Investiga os problemas relacionados coa saúde e coa enfermidade propoñendo hipóteses, experimentando e deducindo conclusións verificables /falsables. A diferenza da medicina antiga, a medicina moderna dispón de modernos instrumentos, tecnoloxicamente precisos, para poder detectar as causas das doenzas seguindo o percorrido dos síntomas que provocan. Grazas a esa valiosa axuda, resulta máis doado e rigoroso emitir un diagnóstico e enfocar con maior precisión o problema.

            Os primeiros sinais de alerta do enfermo son os síntomas. Un síntoma é unha percepción subxectiva anómala que sente unha persoa respecto ao seu estado de saúde. A dor nunha parte do corpo, un mareo, a elevada temperatura corporal, un cansazo inexplicable, a visión distorsionada… son indicios de que no estado de saúde se acenden as alarmas. Eses síntomas confesados ao médico ou á médica convértense en signos para estes, que despois de examinalos se poden transformar nun informe ou nunha descrición obxectiva. Así, mentres o paciente confesa síntomas e describe o que sente, o médico/a procura atopar os correlativos indicadores obxectivos, os signos e biomarcadores, para enfocar a causa dos mesmos, é dicir, para tratar a enfermidade. Con todo, non sempre os síntomas van unidos a un signo, pois pode darse o caso de que unha persoa se note febril sen que a temperatura apareza no termómetro. Igual pode acontecer á inversa, que a ausencia de síntomas implique, porén, algún trastorno no organismo, como o caso da hipertensión arterial que, polo xeral, non alerta.

            Normalmente, o médico convencional, o médico científico, adoita examinar aos pacientes/as recibindo a súa confesión sintomática para de seguido obxectivala e poder diagnosticar a enfermidade. Este último paso pode resultar doado, sobre todo cando existen signos externos das doenzas -unha queimadura, a obesidade, un hematoma, unha hemorraxia…-, en cambio cando se trata de síntomas internos, que soen ser a gran maioría, o prognóstico preséntase demasiado complexo.

            Un abrumador número dos diagnósticos e dos prognósticos médicos pertencen aos denominados problemas inversos. Os problemas científicos, polo xeral, xogan e resolven problemas directos, problemas que van desde certas premisas a unhas conclusións. Por exemplo: se un asasino dispara á cabeza dunha persoa, sabemos que esta morre por causa dun disparo. Ou, en matemáticas, a suma de 8 + 9 será 17. En cambio, os problemas inversos teñen que se remontar desde unha conclusión ás súas posibles premisas. No caso anterior, se temos ante nós un cadáver, podémonos preguntar cal foi a causa da súa morte. E advertimos que poden ser moitas (un disparo, un envelenamento, un suicidio, por asfixia, por anorexia…). E no caso das matemáticas, se nos preguntamos de cales sumandos obtemos 17, decatámonos que poder ser varios (10+7, 11+6, 3+14, 16+1, 20-3…).

            En medicina, os problemas inversos preséntanse nos diagnósticos e nos prognósticos, é dicir, no que atinxe á propedéutica ou coñecemento do trastorno -epistemoloxía-, e nas expectativas da evolución do paciente -praxe. A terapia receitada estará en función de ambos procedementos metodolóxicos.

            A materia prima da que parte a medicina alopática para afrontar unha enfermidade provén, por ende, dos sintomas que relata a persoa doente, que logo o galeno transforma en signos, dos que a continuación extrae un diagnóstico para emitir un posterior prognóstico, prescribindo en consecuencia unha adecuada terapia. De non haber síntomas, parece difícil que unha persoa acuda a un centro de saúde ou a un especialista para buscar solucións a doenzas inexistentes ou a enfermidades recónditas. Os síntomas son os rastros que deixa a enfermidade na súa avanzada polo organismo, pero seguindo a súa estela, o experto pode detectar a orixe do sedicioso axitador.

A eficacia e o rigor científico da medicina convencional gravita, xa que logo, sobre os diagnósticos e os prognósticos, porque a partir deles se establece todo un labiríntico proceso terapéutico. Os diagnósticos son consecuencia dos coñecementos do especialista para identificar o tipo de enfermidade, mentres os prognósticos permiten prever e anticipar a evolución e o desenlace da enfermidade recorrendo ás estatísticas rexistradas nas Memorias das diversas institucións médicas. Consecuentemente, os diagnósticos e, sobre todo, os prognósticos caen dentro das probabilidades. Establecendo unha analoxía entre os síntomas dun paciente e os seus diagnósticos cos casos similares rexistrados nas Memorias médicas, pódese establecer un prognóstico (probable) do paciente, como de “bo prognóstico”, “malo”, “regular” ou “reservado”, cando neste último caso non sexa doado comparar a situación do paciente con rexistros oficiais da mesma doenza.

Conclusión

A medicina é un tipo de saber que vai evolucionando ao compás da investigación e das novas tecnoloxías. Actualmente coexiste a medicina convencional -a medicina científica- con outras medicinas denominadas alternativas ou complementarias. A finalidade é a mesma en todas elas, curar enfermidades. Porén, a que máis garantías ofrece, sen ningunha dúbida, é a científica, como a que practica a nosa querida cardióloga Marisa Crespo Leiro. Esta medicina está dento das ciencias empíricas, por tal razón non é unha ciencia exacta. Pero comparada con outras ciencias do mesmo nivel -Física, Bioloxía, Astronomía…- creo que está dentro das máis probabilísticas, das que máis se afasta de rozar o 99 % dos seus éxitos e acertos. A explicación hai que buscala na inmensa complexidade do organismo humano. Resulta case imposible coñecer todos e cada un dos elementos constitutivos dun organismo -tanto na súa funcionalidade individual como no seu rol holístico-, o que crea incerteza e inseguridade nos diagnósticos, nos prognósticos, nas terapias, e incluso nas resistencias e rebeldías do organismo fronte a certas terapias invasivas (quimio, radio, biopsias, cirurxía, TAC, IRM…). Todos eses inconvenientes predispoñen aos pacientes a solicitar diagnósticos de diferentes especialistas para buscar esperanza ante diagnósticos terribles e desesperanzadores. Nesas situacións límites, tanto psicolóxica como cientificamente, a aproximación iterativa á medicina híbrida por parte dos pacientes non deixa de se incrementar. É unha actitude inconsciente desa tendencia humana á deconstrución cultural, e incluso vital, pretendendo internarse nese mundo esotérico no que a fitoterapia, o curandeirismo, os exorcismos e outros rituais ancestrais galegos se asumen como claves propicias para entrar nese mundo metaempírico.

            As medicinas alternativas e tradicionais carecen do rigor co que actúa a ciencia, polo que se denominan pseudociencias. Estas dispoñen dun sumario recopilatorio de coñecementos e prácticas herdadas, pero carecen dun campo de investigación e dun sistema consistente que explique e xustifique as terapias utilizadas nos pacientes. Son medicinas atadas á tradición, o que as converte en dogmáticas e conservadoras, mutilando seriamente o desenvolvemento. En cambio, a ciencia é unha actividade humana asexuada, cun longo percorrido, cunha evolución dos seus contidos e métodos ao longo da historia. Os seus éxitos son incuestionables. Por tal motivo, temos que ser optimistas e confiar en que a evolución da ciencia nos leve cara un mundo mellor, con máis saúde e menos sufrimento.


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.