Stop Eólicos Xurés Celanova alerta sobre o cambio de enclave de 2 proxectos eólicos no Larouco

Nunha nova actualización do mapa eólico oficial, aparecen desprazados cara o leste, só 48 horas despois de rematar o prazo de alegacións contra a LAT do Larouco, infraestrutura en cuestión pola presión veciñal.

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA advirte que empresas “pantalla”, coa complicidade da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, están a introducir cambios en proxectos de instalación de centrais eólicas que permanecen agochados á cidadanía galega nunha área como a de Baltar/O Larouco onde existe alarma social debido as ameazas da invasión eólica en curso.

AVANTAR ACTIVIDADES

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA alerta de que só 48 horas despois de se pechar o prazo de alegacións á LAT do Larouco e de que a corporación enerxética Iberdrola anunciase que se sentará nunha mesa coas veciñas e veciños do concello de Baltar para falar sobre o tendido en tramitación que ameaza a serra e os seus usos e valores, no Rexistro Eólico de Galiza apareceron MODIFICADAS as localizacións dos proxectos de centrais eólicas MISTRAL e TRAMONTANA que até ese día figuraban superpostos ao P.E. San Martiño, na Boullosa, tamén en fase de información pública.

Os novos enclaves destes polígonos eólicos, desprazados varios quilómetros cara o leste, sitúan os 8 aeroxeradores de TRAMONTANA sobre a cima do Larouco a continuación do polígono de 49 aeroxeradores que Iberdrola ten operativos na mesma serra desde hai vinte anos. Estes oito proxectados alcanzarían unha altura de 151 metros, case o dobre de alto dos actuais (que miden 83 metros).

QUEN ESTÁ DETRÁS DE FOUR WINDS INVESTCO?

E COMO PODE A XUNTA CONCEDER DEREITOS SOBRE DESENVOLVEMENTOS EÓLICOS A SOCIEDADES CUN CAPITAL SOCIAL DE SÓ 3.000 EUROS?

Ese novo deseño de TRAMONTANA, baixo a promoción dunha empresa denominada PE TRAMONTANA 4W SL, creada en outubro de 2019, cun capital de 3.000 euros e con sede social en Marbella, e que depende doutra sociedade, FOUR WINDS INVESTCO SL, constituída en xuño daquel mesmo ano.

A sociedade PE MISTRAL 4W SL, con sede en Cádiz, creouse o mesmo día e co mesmo capital que PE TRAMONTANA 4W SL, e ambas comparten directivos con FOUR WINDS INVESTCO SL. O tecido societario que está detrás destes 2 desenvolvementos eólicos que afectan o Larouco parece ligar (as compañías son opacas á opinión pública) Iberdrola con FOUR WINDS INVESTCO SL a través do PE VIVEIRO que Iberdrola levantou naquel concello lucense hai vinte anos.

O novo enclave de TRAMONTANA constitúe, na práctica, unha ampliación da central de Iberdrola no Larouco. A nova central aparece nunha área de aproveitamento eólico distinta, pero as áreas son lindeiras. É dicir, o Larouco sumaría oito máquinas máis ás corenta e nove actuais: 57. A central estaría en parte en terreos da CMVMC da Boullosa e, en parte, na CMVMC de Baltar.

Na área onde agora se proxecta a central, estivo instalada até o pasado mes de agosto unha antena de medición do vento.

Pola súa banda, a central eólica MISTRAL tamén foi desprazada cara o leste, ocupando agora os 7 aeroxeradores proxectados, das mesmas características que os da central xemelga, a área na que até a semana pasada se situaba TRAMONTANA. Con estes novos enclaves, o proxecto en tramitación da LAT do Xurés, de 27 quilómetros entre os montes da Boullosa e Mugueimes, ficaría invalidado sen que os comités da Reserva da Biosfera e do Parque Natural do Xurés se teñan manifestado ao respecto, tal e como pediu en agosto pasado (seguindo a iniciativa de Petón do Lobo) STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA.

O cambio de posición dos proxectos TRAMONTANA e MISTRAL obriga a revisar de novo os estudos de impacto ambiental das infraestruturas próximas, como o caso do PE SAN MARTIÑO e da LAT do LAROUCO, que hai apenas unhas semanas (días no caso da LAT) remataron a fase de alegacións.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA considera este movemento dos enclaves unha nova burla á cidadanía, un novo obstáculo para o exercicio dun dereito de participación pública que vemos que non existe, como xa denunciou o propio Consello da Cultura Galega, e unha xogada, pode que a través de actores interpostos ou empresas “pantalla”, das grandes corporacións como Iberdrola que controlan o desenvolvemento eólico e elixen o territorio a espoliar con complicidades políticas desde os concellos até a alta administración e que só topan freo na mobilización popular.