Miranda centra a súa viaxe a América en buscar estímulos, conxuntamente coas entidades galegas, para a recuperación das actividades coa colectividade

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro cos centros galegos en Montevideo aos que lles trasladou a necesidade da apertura dun período de reflexión sobre a necesidade da integración de institucións para adaptarse á realidade social do século XXI

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, celebrou onte en Montevideo unha reunión coas entidades galegas en Uruguai, tralos dous anos de pandemia que impediu os encontros presenciais, e na que se falou sobre a recuperación das actividades coa colectividade e a posibilidade de integración de institucións.

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral da Emigración estivo acompañado neste encontro do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, aproveitando que esta tarde terá lugar a representación, por primeira vez en Uruguai, da produción O charco de Ulises, no auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar.

Tamén asistiu a esta reunión a cónsul xeral de España en Uruguai, María Victoria Scola Pliego, a quen o secretario xeral agradeceu a súa presenza e interese pola colectividade galega neste país.

No encontro estiveron presentes os representantes da Federación de Asociacións Gallegas en UruguaY, o centro cultural y recreativo “Alma Gallega”, o Centro Gallego de Montevideo, o Centro Social Bolos Valle Miñor, o Centro Cultural Hijos de Galicia, o Centro Ourensán de Montevideo, o Centro Pontevedrés Social y Deportivo, o Centro Social Bergantiños, Unión Hijos de Morgadanes, Hogar Español e a Asociación de Empresarios Gallegos en Uruguay (AEGU).

Miranda centrou a súa viaxe a América en buscar estímulos, conxuntamente coas entidades galegas, para a recuperación das actividades coa colectividade, aproveitando tamén para trasladarlles avances dos programas de acción social para o próximo ano.

Tamén solicitou as entidades que abrisen un período de reflexión sobre como avanzar na necesaria integración de institucións para adaptarse á realidade social do século XXI.

Finalmente, durante o encontro, Rodríguez Miranda tamén fixo un balance das diferentes accións de apoio da Secretaría Xeral ás entidades galegas do exterior durante o presente ano, moi centrado no apoio social á colectividade de cara a paliar as consecuencias provocadas pola crise da pandemia da Covid-19.