O Psdeg pregúntalle ao Sergas “por que prefiren pagar capeláns antes que médicos”

 O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou hoxe que o Sergas “expulse a sanitarios do sistema” mentres aumentan ata os 721.000 euros a partida para pagar a sacerdotes dentro dos centros hospitalarios. Torrado preguntoulle á Xunta, na Comisión de Sanidade celebrada hoxe no Parlamento, “por que prefiren sacerdotes antes que médicos”.

O responsable socialista resumiu que coas partidas para sacerdotes poderían pagar 13 médicos de familia comunitarios, 24 enfermeiras especialistas para Atención Primaria, 14 psicólogos, 23 fisioterapeutas, 36 traballadores para Persoal de Servizos Xerais, 25 traballadoras sociais ou 21 matronas. Sinalou que todos estes profesionais “non están contratados porque o Sergas decide destinar máis de 700.000 euros ao ano a pagar capeláns”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Lembrou que Galicia é unha das comunidades autónomas con peor trato laboral aos seus profesionais, ata o punto de ter sido condenada por fraude na contratación por sentenza xudicial. Lamentou que obriguen aos profesionais sanitarios de reforzo pola covid a “mendigar prórrogas de un ou tres meses” mentres “súbenlle o salario aos sacerdotes”.

Torrado preguntou ademais pola función dos sacerdotes durante a pandemia, ao que a responsable de Recursos Humanos do Sergas admitiu descoñecer “onde estaban” cando se suprimiu a atención presencial. O responsable socialista preguntou mesmo “a quen aplaudían vostedes” durante o confinamento, xa que “semella que mentres uns nos dirixíamos aos profesionais sanitarios, outros apuntaban a outro colectivo diferente”.

Apuntou ás “moitas dúbidas” xeradas pola presenza dos sacerdotes nos centros hospitalarios, logo de que este mesmo ano reclamaran xudicialmente ser considerados persoal estatutario. O Sergas alegou que pagan ao bispado, malia que inclúan 52 capeláns no anexo de persoal dos Orzamentos, que non lles da instrucións sobre o seu traballo dentro dos centros sanitarios e admitindo que os financian malia que non corresponde á competencia pública do Estado.

Os sacerdotes argumentaban que teñen acceso aos recursos materiais dos profesionais do Sergas, polo que Torrado preguntou se é certo que dispoñen de aparcamento reservado, se acceden aos servizos de comida, almorzo e cena nos comedores como o resto de persoal hospitalario e se dispoñen de móbil corporativo, correo electrónico e espazos laborais a maiores das capelas, o que non foi desmentido pola responsable do Sergas .

Logo de que o Sergas se defendera sinalando que o sustento normativo remítese a un acordo do propio Sergas cos bispados de 1995, e sinalou que “poden cambialo se o Sergas quere”, e que a Lei “non obriga a que os sacerdotes teñan aparcamentos reservados no Hospital cando a xente ten que acceder aos aparcamentos que vostedes concesionan con empresas privadas”.