Gabriel Alén subliña que o programa ‘o teu Xacobeo’ permitiu consolidar os valores do camiño na propia sociedade Galega

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado de Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, fixo balance esta mañá na Delegación Territorial de O Teu Xacobeo, unha iniciativa pioneira que permitiu contribuír a construír unha programación do Xacobeo 21-22 que nacía da propia sociedade galega.

Gabriel Alén destacou o éxito deste programa, que conta con dúas convocatorias que sumaron un total de 572 proxectos concedidos cun investimento de 8 millóns de euros e case 15 millóns mobilizados. “Este programa foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais da historia de Galicia e amosa á perfección que o Xacobeo e o Camiño están presentes no conxunto da sociedade galega”, explicou o delegado territorial da Xunta, que fixo fincapé no alto porcentaxe de execución dos proxectos concedidos, que xa supera o 80% no conxunto das dúas edicións.

AVANTAR ACTIVIDADES

En Ourense, o delegado territorial subliñou que se executaron 59 proxectos que abrangueron a totalidade dos concellos da provincia; un programa que implicou á sociedade civil, á que se animaba a crear e levar adiante proxectos que foran do seu interese. Ao abeiro desta iniciativa puidéronse desenvolver iniciativas musicais como Musgo (http://musgo.gal/) ou o OurenRock así como iniciativas e probas deportivas, de promoción e posta en valor do patrimonio, a gastronomía ou a cultura

“Un Xacobeo inclusivo -continuou Gabriel Alén-para todas e todos, entidades públicas e privadas e que abrangueu os  ámbitos do turismo, cultura, deporte, pensamento… nas catro provincias de todo o territorio galego,  non só aqueles concellos polos que pasa o Camiño”.

Neste sentido, o delegado territorial recalcou que o programa cumpriu, ademais, co obxectivo desestacionalizador e descentralizador co que se abordou a adaptación da programación deste Xacobeo, espallando as actividades en máis de 200 concellos das catro provincias que implicaron a asociacións, entidades públicas e privadas e que permitiron abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar.

Gabriel Alén sinalou que o programa de O Teu Xacobeo permitiu incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo, dinamizar todo o territorio con actos pequenos, diversos e máis dinámicos a través dos que se espallaron e se fixeron máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega.