O vicepresidente segundo da Deputación participa na Gala de Premios Nacionais de Remo 2019 e 2020

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, participou hoxe na Gala de Premios Nacionais de Remo 2019 e 2020, que tivo lugar no Balneario Caldaria de Laias, en Cenlle. A xornada, inaugurada pola presidenta da Asociación Española de Remo, Asunción Loriente, recoñeceu o traballo e esforzo de diferentes institucións e persoas.  

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense felicitou “a todos os premiados nesta gala e a todos e todas os deportistas pola súa dedicación, esforzo e compañeirismo, valores que dalgún xeito tamén adquiren a través do deporte”. Así mesmo, destacou a capacidade da provincia de Ourense para atraer e acoller “probas deportivas de primeiro nivel, sobre todo no que atinxe aos deportes náuticos ao contar cunha “lámina de auga” idónea para que numerosas federacións e seleccións de diferentes lugares do mundo, nos escollan para adestrar ou para celebrar as súas propias competicións”, lembrou César Fernández.  

AVANTAR ACTIVIDADES

“O compromiso do goberno provincial co deporte é firme. Somos conscientes do potencial que ten o noso territorio para reivindicarse como un dos principais destinos de turismo deportivo, como así o demostramos en multitude de ocasións, acollendo eventos tan relevantes como La Vuelta. Contamos coas infraestruturas necesarias e, en menos de dúas semanas seremos ademais, o aeroporto terrestre de Galicia coa chegada da Alta Velocidade, que suporá un pulo importante para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia”, manifestou o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense.