Un grupo de 10 artesáns vén de constituír a Asociacións de Artesáns da Limia, Limiar, en colaboración co Museo Etnográfico da Limia.

IES CHAMOSO LAMAS

LIMIAR é entrada na casa luminosa da memoria

que inspira a beleza das cousas.

OZOCOgz Deseño Galego

LIMIAR é sentimento de ser dunha terra e da súa xente,

de exercer o orgullo de pertenza.

LIMIAR é paixón na habelencia de mans artísticas

que enfeitan a existencia.

LIMIAR é facer LIMIA.

Un grupo de 10 artesáns vén de constituír a ASOCIACIÓNS DE ARTESÁNS DA LIMIA, LIMIAR, en colaboración co MUSEO ETNOGRÁFICO DA LIMIA.

A súa finalidade é crear, producir, investigar e estudar bens artesanais, velando pola difusión, conservación, innovación, defensa e promoción da artesanía galega.

Os/as asociados/as, presididos/as pola costureira de Vilar de Santos, Mercedes Veites Pérez (Lumecú), posúen todos a carta de artesán/á de Galicia, e desenvolverán a actividade nos eidos da cestaría, olaría, instrumentos musicais, pantalla, costura, filigrana e prataría.

Comezará a súa andaina cunha inauguración pública no Museo da Limia, o sábado día 11 de decembro, ás 11:30 horas, e contará cun espazo permanente no citado museo, para expoñer e vender as súas creacións, os sábados e domingos de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas. O Museo será a sede da asociación e o lugar habitual de impartición de cursos e obradoiros.  

Para levar a cabo os seus fins, a asociación LIMIAR:

  • Colaborará na investigación, difusión e conservación que en materia de artesanía se leven a cabo no Museo Etnográfico da Limia.
  • Promoverá a formación dos profesionais no ámbito da artesanía e, en  definitiva,  de  todas aquelas materias que teñan relación co patrimonio cultural, moi especialmente o da comarca da Limia.
  • Elaborará e coordinará unha programación estable ligada á actividade artesanal no Museo da Limia, e desenvolverá accións dirixidas a cubrir as demandas e necesidades dos/as asociados/as.
  • Colaborará na protección do patrimonio cultural artesán, en especial o referente á comarca da Limia.
  • Propiciará o intercambio de información e experiencias, a cooperación técnica e o empréstito de fondos co resto de institucións artesanais e museísticas galegas ou doutros territorios interesados.
  • Promoverá o desenvolvemento dun fondo documental artesanal con sede no Museo da Limia.