A Xunta de Galicia impulsa a excelencia dos produtos enogastronómicos creando a sección Galicia Calidade Alimentaria

Ilustración 1 Unha ampla variedade de produtos con selos diferenciados.

A nova campaña institucional da Xunta “Galicia Etiqueta Calidade” conta cun investimento de 700.000 euros para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro e apostar por melloras para impulsalos no mercado competitivo.

Un dos principais reclamos que atraen aos turistas a Galicia é, sen dúbida, a súa gastronomía, que non deixa a ninguén indiferente. E é que a calidade dos produtos galegos faise notar, tanto en fresco como elaborados, deixando nos visitantes un bo sabor de boca. E non hai mellor carta de presentación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por iso, un dos obxectivos da Xunta de Galicia é traballar na promoción e difusión deste potencial, que se enmarca como un dos principais atractivos da comunidade. Unha das primeiras iniciativas foi a posta en valor dos produtos de calidade, a través das denominacións de orixe protexidas (D.O.P) e das indicacións xeográficas protexidas (I.X.P.). Estas dúas distincións permitiron que os produtos galegos saísen ao mercado reforzados, sendo máis competitivos e respaldados e ofrecendo unha garantía de calidade que aporta confianza aos consumidores.

Durante a celebración da I Mostra de Calidade Alimentaria, evento enmarcado tamén na promoción, adiantáronse algunhas das iniciativas que porá en marcha a Xunta de Galicia. O selo Galicia Calidade terá unha sección específica sobre alimentación que se denominará Galicia Calidade Alimentaria e que englobará produtos con excelencia recoñecida.

Ademais, a Xunta de Galicia puxo en marcha a nova campaña institucional da Galicia Etiqueta Calidade, á que destina 700.000 euros para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro. Este proxecto quere destacar a importancia dos produtos galegos, os protagonistas indiscutibles dos pratos nestas datas de Nadal, e tamén recordar o traballo feito polos produtores para garantir o abastecemento durante a emerxencia sanitaria. 

Ilustración 2 O potencial gastronómico galego conta con lácteos, viños, produtos da terra ou elaborados coma o pan, entre outros.

O potencial galego é indiscutible. Galicia conta con ata 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, e outras producións de excelencia, como son as derivadas das razas autóctonas de Galicia, as marcas de garantía como “Galega 100%” que ampara ao leite ou o selo pescadeRías. Facemos un repaso por todas elas.

Galicia conta con cinco denominacións de orixe de viño (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei) e destaca tamén pola riqueza e variedade das súas bebidas espirituosas.

As carnes de Galicia contan co selo de calidade Ternera Gallega, a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español. Nos últimos tempos tamén naceu a Indicación Xeográfica Protexida Vaca gallega e Buey gallego, sumado ao Lacón Gallego e ao Capón de Vilalba.

Un dos puntos fortes de Galicia é o relacionado coa produción láctea. “Galega 100%”, un selo que garante a excelencia do leite, que ten como orixe explotacións da comunidade autónoma. Destaca tamén pola calidade dos seus queixos, con catro diferentes denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa).

En canto aos produtos da terra, merecen especial mención os pementos que se producen en Galicia, os de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán, ou os tan coñecidos grelos de Galicia.

As castañas, as patacas ou a mel tamén contan cun recoñecemento especial pola súa calidade.

En canto aos produtos do mar, a marca “pescadeRías ¿de onde se non?” é un selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal, cunha fama de variedade e calidade que traspasa as nosas fronteiras. E ademais, contamos con Mexillón de Galicia, que certifica o mexillón producido, transformado e elaborado en Galicia, o auténtico mexillón das rías galegas como marca de exclusividade.

É por todo este potencial  polo que o turismo aposta unha vez tras outra por escoller esta terra entre tantas outras. Un dos obxectivos clave da Xunta de Galicia é seguir traballando por convertelo nun espello do esforzo, tradición e dedicación dos seus produtores, e lanzalos a un mercado reforzando a súa valía.

Por outra banda, a Xunta puxo en marcha a marca Artesanía Alimentaria, para poñer en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran de forma tradicional, así como para protexer aos seus produtores.

Ilustración 3 As catro denominacións de orixe vitivinícolas galegas arroupan un gran territorio gastronómico.