Castrelo de Miño decreta a situación de emerxencia polos niveis de arsénico no Coto de Novelle

Casa do Concello de Castrelo de Miño.

O alcalde do concello de Castrelo de Miño, Avelino Pazos ven de decretar a Declaración de situación de emerxencia por causa dos niveis de arsénico na ETAP de Coto  Novelle.

Avelino Pazos toma esta decisión baseándose nos informes técnicos achegados por AquaOurense Sociedade Provincial de Auga e Medio Ambiente,  que recollen a problemática reiterada existente no concello recomendando a adopción de medidas urxentes para corrixir a situación dos altos niveis de arsénico que levaron nos últimos catro meses a restricións de auga potable na captación de Coto Novelle.

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde trasladoulle á Administración autonómica a difícil situación que está a pasar a veciñanza do concello e que se leva dilatando dende hai  dous anos. Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, é receptiva a amosar unha solución de urxencia e o inicio dun arranxo definitivo que propicie o subministro de auga potable e de calidade a todos os veciños.

Vistos os diversos requirimentos da Xefatura Territorial de Sanidade onde se poñen de manifesto os elevados niveis de arsénico na ETAP de Coto Novelle, xunto coa obriga para o Concello de solucionar este problema; ademais das analíticas achegadas dende AquaOurense Sociedade Provincial de Auga e Medio Ambiente, S.A. dos anos 2019, 2020 e 2021 onde se recollen os reiterados incumprimentos nos niveis de arsénico na auga subministrada dende a ETAP de Coto Novelle; as continuas restricións no subministro de auga para o consumo humano nos pobos de Barral, Nogueiredo, O Pazo, Rial, Sta. María, A Costa, O Toledo, O Padreiro, Paradela e A Ponte, por causa dos referidos niveis de arsénico, e a obriga de subministrar auga potable á veciñanza mediante garrafas; o alcalde toma a decisión de decretar a Declaración de situación de emerxencia por causa dos niveis de arsénico para buscar unha solución definitiva ao problema.

Os técnicos da Administración Hidráulica autonómica están a colaborar co Concello de Castrelo de Miño na definición das medidas concretas que cómpre activar de forma inmediata para atallar os problemas actuais e que se están a ultimar para poñer en práctica tralas múltiples reunións mantidas entre o alcalde e representantes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Xunto con isto, a Xunta redactará o proxecto construtivo das obras encamiñadas a arranxar de forma definitiva os problemas do sistema de abastecemento de auga de Castrelo de Miño, para o que se tomará como base o estudo de alternativas xa elaborado por Augas e Galicia.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO