A xunta destina preto de 50.000 euros á pavimentación das rúas do núcleo de Nocedo, no concello dos Blancos

  • O delegado territorial sinalou que este tipo de actuacións teñen a finalidade de mellorar os equipamentos e dotacións dos pobos e vilas do rural, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos
  • Gabriel Alén subliñou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do Plan Hurbe trata de dar resposta á necesidade de humanización das vilas e de incrementar o atractivo dos núcleos rurais como factor determinante do equilibrio territorial
  • O representante do Goberno galego puxo en valor os recentes investimentos da Xunta como os da Consellería do Medio Rural de 29.809 euros dentro das axudas do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas, ou os 42.750 euros da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para as obras de abastecemento nos núcleos de Pexeiroos e Noveas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá, da man do alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, ao núcleo de Nocedo, para supervisar o remate das obras de pavimentación das súas rúas nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu 49.962 euros.

Gabriel Alén sinalou que a meta deste tipo de actuacións é a de mellorar os equipamentos e dotacións dos pobos e vilas do rural, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de proporcionar unha oferta de calidade e axeitada ás necesidades da poboación, e así poder incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais da nosa comunidade autónoma.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta en Ourense explicou que esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego, ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para iso as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do Plan Hurbe trata de dar resposta á necesidade de humanización das vilas e de incrementar o atractivo dos núcleos rurais como factor determinante do equilibrio territorial. O conxunto de vilas dispersas pola nosa xeografía, articulan e centralizan a vida económica, social e cultural do territorio que se atopa baixo a súa área de influencia. Constitúen verdadeiros motores de dinamización social e económica ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

As actuacións están suxeitas ás recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guía a acción neste eido ata o ano 2024.

Cómpre subliñar que esta orde de subvenciónsenmárcase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.

Obras executadas

As obras executadas consistiron na rexeneración do pavimento do pobo de Nocedo co obxecto de mellorar o acceso e a comunicación a través da rede de estradas do municipio, permitindo así o aumento da calidade de vida na zoa rural e contribuíndo á fixación da poboación nas zoas rurais e á diversificación da economía do lugar.

Deste xeito, levouse a cabo a rexeneración do pavimento; roza e limpeza dos camiños con medios manuais, pequena planta, maleza broza, madeiras caídas, escombros, lixos e calquera outro material existente, ata unha profundidade non menor que o espesor da capa de terra vexetal. A continuación realizouse o revestimento dos camiños e rúas con morteiro acrílico en color gris especial e acometeuse a instalación de bancos.

Reunión co alcalde

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo na Casa do Concello un encontro co alcalde, José Manuel Castro, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica. Así, durante a xuntanza fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

Gabriel Alén puxo en valor os recentes investimentos do Goberno galego nos Blancos como os da Consellería do Medio Rural de 29.809 euros dentro das axudas do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas, ou os 42.750 euros da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, para as obras de abastecemento nos núcleos de Pexeiroos e Noveas.