O Psdeg-Psoe de Ourense acusa ao PP de pretender xogar ao “monopoly” con Ourense e a Jácome de facelo ao “tetris”

Publicidade ASPADISI

O Psdeg-Psoe de Ourense acusa ao PP de pretender xogar ao “monopoly” con Ourense e a Jácome de facelo ao “tetris” co futuro urbanístico da cidade a base de “falsas” promesas.

Os socialistas solicitan a convocatoria urxente das comisións do PXOM e do PEPOU ante a “critica” situación urbanística que vive a cidade e ante as “gravísimas” diverxencias neste ámbito entre PP e DO

HIPER MASIDE

Advirten que “o equipo redactor do PXOM xa se reuniu co grupo de goberno e estásenos a ocultar información á oposición” e apuntan que as liñas vermellas de Jácome “nunca verán a luz”

 O PSdeG-PSOE de Ourense solicita a convocatoria urxente das comisións do PXOM e do PEPOU ante a “crítica” situación urbanística que vive a cidade e ante as “gravísimas” diverxencias neste ámbito entre o Partido Popular e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. Os socialistas afirman que a cidade “non está para que o PP xogue ao Monopoly, nin para que Jácome o faga o tetris co futuro urbanístico da nosa cidade”. Afirman que “non se pode continuar sen planificación estratéxica de ningún tipo, sen modelo de cidade e cunha falla total de criterio e de rigorosidade”.

Dende o Grupo Municipal Socialista urxen a que se convoque a comisión do PEPOU co fin de definir, dunha vez por todas, “o futuro uso da antiga cárcere”, sobre a que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou que podería ser a futura sede do ente provincial, namentres que Jácome pretendía convertela en sede da UNED. Neste senso os socialistas tamén pedirán explicacións sobre a posibilidade de que a sede actual da Deputación se converta nun Hotel Balneario, xa que segundo manifestan “non hai coñecemento no Concello de dita proposta e todo pasa polo consenso político e non polas ocorrencias e falsas promesas de Baltar e Jácome”.

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén demanda a convocatoria da comisión de seguimento do PXOM, como xa fixeron no mes de xuño, cando Jácome anunciaba que ordenaría ao servizo de Planeamento Urbanístico e ao equipo redactor completar o expediente para proceder a súa aprobación provisional en pleno. Os socialistas consideran “incongruente” as decisións do alcalde que “primeiro pretendía introducir no documento unha serie de modificacións de aspectos dotacionais e de redistribución de aproveitamentos estratéxicos da cidade que son inviables e moi afastados do interese público, ademais de asumir un PXOM do PP que el mesmo afirmou que estaba cheo de pelotazos”.

Ante as declaracións do propio alcalde no día de onte, os socialistas sinalan que se facían unhas “gravísimas afirmacións” sobre a labor do equipo redactor do PXOM. Dende o seno socialista consideran que as afirmacións do rexedor “están fóra de lugar” e critica que Jácome “ataque novamente aos empregados e técnicos do Concello de Ourense” e diga que  “este equipo redactor non sei a que xoga, está infectado por outros partidos políticos coma o PSOE e o PP. Igual temos que romper con eles e contratar a outros, porque é un cachondeo, din a orde e non fixeron nada, era mellor contratar funcionarios temporais”.

Neste senso, os socialistas solicitarán tamén que a concelleira delegada de Urbanismo, a popular Sonia Ogando, saia publicamente a explicar “por que non puido o equipo redactor incorporar as esixencias de Jácome, a que intereses responden e por que van ser incapaces de aprobar o Plan Xeral neste mandato”. “Somos coñecedores de que o equipo redactor xa se reuniu co grupo de goberno e estásenos a ocultar información á oposición”, explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense e sinalan que “a nosa sospeita é que tal e como denunciamos no seu día, todas as propostas de Jácome para modificar o PXOM eran inviables e o seu nerviosismo e desesperación a día de hoxe é que non pode cumprir as súas promesas, coas que leva enganando a cidadanía nos últimos anos e que esconden unha suma de intereses máis aló do público”.

Os socialistas consideran que as liñas vermellas de Jácome “nunca verán a luz porque sempre foron un engano á cidadanía para obter rédito político” e expresan que entre estas falsas promesas atópanse a supresión das torres do Miño, o rañaceos de Finca Mariñamansa ou o parque acuático termal do Parque da Feira. Esixen tamén que se reforce o persoal da oficina do PERIs e a contratación da cartografía que tal e como manifestan “segue sen saír a licitación, co que isto supón para a axilización dos prazos de tramitación e posterior aprobación do Plan Especial”.