Expourense inaugurou a 7ª edición de Sportur Galicia e o 5º Congreso Internacional de Turismo e Deporte

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O recinto feiral de Expourense acolle ata mañá, venres 13 de decembro, unha dobre cita: o ‘VII Salón do Deporte e Turismo Activo’ (Sportur) e o ‘V Congreso Internacional de Turismo e Deporte’, co obxectivo de posicionar a Galicia como un destino deportivo, activo, sostible e saudable, ao tempo que serve de escaparate para promocionar a actividade que federacións, clubes e asociación deportivas galegas realizan ao longo de todo o ano. A participación como asistente ou visitante a calquera destas dúas actividades é completamente gratuíta.  Ambas as dúas citas foron inauguradas hoxe en Expourense, nun acto presidido polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, e no que tamén interviron Rogelio Martínez, director xerente de Expourense, e César Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense.

O V Congreso Internacional de Turismo e Deporte conta coa participación de 20 expertos que analizarán o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino. O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España o que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico. As distintas ponencias deste congreso xiran sobre tres grandes bloques temáticos. O primeiro deles é a presentación de distintas políticas e programas para conseguir “cidades activas” como caso de “Senderos Azuis” que propón convertir as poboacións en contornas “sostibles, activas, saudables e agradables”.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sobre este tema preséntanse varios casos de éxito de áreas onde xa se implantou este programa como é o caso de Alfas del Pi en Alicante ou a Rexión de Murcia. Neste bloque temático tamén se pode incluír a mesa redonda que presenta as distintas políticas municipais e provinciais que teñen o obxectivo de converter ás vilas e ciudades nun espazo activo e na que participan representantes da distintas administacións xunto a xerentes de empresas punteiras na sustentabilidade turística como é o caso de Murua Sport Innovation, Don Cicleto ou Naos Arquitectura.

O segundo dos bloques temáticos é o do turismo activo inclusivo con dúas mesas redondas nas que participan expertos da Fundación ENKI e o creador de “Senderos Accesibles”, ademais de representantes de Turismo da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense. E o terceiro dos fíos condutores deste congreso é a formación e a cualificación profesional dos traballadores dos sectores do turismo deportivo e activo. Conta coa participación de empresas especializadas en formación deste sector, por representantes da Federación Galega de Surf e polo presidente da Federación Galega de Montañismo. A asistencia a este congreso é gratuíta previa inscrición a través da web www.sporturgalicia.com e pode seguirse de xeito presencial dende Expourense ou de xeito virtual dende calquera parte do Mundo.

Sportur Galicia

‘Sportur Galicia’, VII Salón do Deporte e Turismo Activo, convoca a un total de 44 participantes entre os que destacan as federacións e clubes deportivos de Galicia que comparten espazo con destinos e empresas de turismo activo e vencellados coa natureza de Galicia e Portugal. Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer as opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converte nun bo escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que máis da metade dos expositores son clubes e asociacións de distintos deportes que aproveitan a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos e clases abertas para os visitantes.

‘Sportur Galicia 2024’ volta ser un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida. A finalidade é ofrecer novas opcións aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan. Para conseguir isto, o salón conta cun completo programa con máis de 90 actividades que se levan a cabo no pavillón central de Expourense onde xa estará instalada a pista de atletismo cuberta. As federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán distintas actividades que poden consultarse en www.sporturgalicia.com. Os deportes que estarán representados nesta cita son: atletismo; ciclismo; cachibol; tai-chi; wushu; deportes náuticos (piragüismo, canoa e remo); pickleball e tenis; patinaxe; escalada; loita; tiro con arco; Karate; esgrima clásica; taekwondo; bádminton; xadrez; hockey herba, ou zumba, entre outros.

Destacan ademais as actividades do programa o Torneo Intercentros “Xogando Atletismo” organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, que convoca a centos de estudantes de Primaria e Secundaria de varios centros educativos. As actividades deportivas combínanse con outras vencelladas á promoción de hábitos de vida saudables promovidas dende entidades como a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade; a Universidade de Vigo ou a Asociación Diabética Auria.

A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfís en Facebook e Instagram. O horario de feira será, hoxe pola tarde, de 16,00 a 20 horas, mentres que mañá, o recinto de Expourense permanecerá aberto de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------