Os Socialistas defenden que se saque a licitación o servizo de transporte urbano

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de denunciar publicamente que a recente licitación para a compra de 40 autobuses feita por parte do goberno municipal, obedece a “escuros” intereses do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, coa complicidade do Partido Popular. Os socialistas defenden que se saque a licitación o servizo de transporte urbano, con informes dos técnicos municipais, con pliegos que inclúan a compra de vehículos en función das necesidades da cidade e en función do interese público e critican que o capricho do alcalde “deixará aos veciños e veciñas dos barrios de Ourense como O Couto, O Vinteún, A Ponte, Mariñamansa ou Seixalbo, sen conexión directa co centro da cidade e con puntos claves como a residencia ou a estación de tren.

Dende o Grupo Municipal Socialista amosan a súa posición en contra desta compra, debido ás “numerosas eivas” que presenta o expediente de licitación, así como os “escuros” intereses e o “capricho” do alcalde por sacalo adiante. Os socialistas aproveitaron para lembrar que o servizo de transporte urbano da cidade “leva 7 anos en precario”, dende a chegada do PP ao goberno da cidade e acusa aos populares e a Democracia Ourensana de ser os “únicos culpables de que a licitación deste servizo, esencial para a cidade e as súas xentes, non saíse adiante”. Acusan a Jácome de actuar de xeito “unilateral”, “sen previsión, sen planificación, sen organización e sen informes municipais que digan como van a ser as novas liñas ou as frecuencias”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a vicevoceira do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, o informe de intervención municipal “é demoledor” e no mesmo faise mención a que o expediente “armouse de maneira irregular e agora mesmo eses 14 millóns que costará esta nova flota, non se podería pagar por parte do Concello e suporía unha hipoteca para as arcas públicas desta cidade”. A edil socialista aproveitou tamén para lembrar que o PP “votou en contra deste expediente en xunta de goberno local”, motivo polo que acusa os populares de “pórse de perfil e actuar con suma demagoxia, xa que son os mesmos que agora votan en contra, pero que apoiaron a macro modificación de crédito de 65 millóns de euros que incluía esta compra”.

Para González Beneitez, esta forma de actuar de Jácome amosa que “hai un fondo moi escuro, moi perigoso e ante o que os socialistas non nos imos a quedar quietos” e subliña que “imos facer todo o posible por defender que a licitación sexa completa e se inclúa aí a flota, cos informes técnicos que teñan unha previsión real e efectiva e que non responsan as ocorrencias dun alcalde sen criterio”. A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense tamén aproveitou para esixirlle a Jácome a “paralización da compra dos autobuses” e reclamoulle ao PP que “diga que hai detrás de todo isto, por que urxe tanto esta compra, a que intereses responde e que senón están de acordo, que dean a cara porque son corresponsables deste atentado as arcas públicas do Concello”.

Pola súa banda, o voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, manifestou que a cidade de Ourense “carece de mobilidade porque non hai ningún tipo de planificación” e instou ao goberno municipal a “realizar unha planificación de liñas que non cambien cada semana”. Neste senso o líder do Grupo Municipal Socialista expresou que “cada día cambia o criterio e estamos a falar que a veciñanza da Ponte ou o Couto non van poder chegar o centro da cidade en autobús directo, xa que estas liñas están feitas por unha persoa sen ningún tipo de coñecemento, nin asesoramento técnico”.

Rodríguez Villarino tamén subliñou que “estamos a falar dunha cantidade de cartos desorbitada, que vai repercutir na economía do Concello, nun claro atentado contra as arcas públicas e o benestar da cidade”. O voceiro socialista tamén puxo o foco sobre o PP, os que acusou de “facer oídos xordos” e preguntouse “canto tempo van a seguir neste modo de facer política?, coa cidade sen transporte, cos autobuses en precario”. Neste senso, Villarino sinalou que “o reloxo da conta atrás está posto e veremos cando o PP decide dar a espantada polo ben da cidade, aínda que esperemos que sexa canto antes porque 14 millóns despilfarrados non é pouca cousa e a compra de 40 autobuses non pode facerse sen informes favorables, nin previsión”.

Os socialistas levarán o pleno deste venres unha moción para que a corporación municipal se manifeste e na que esixen ao goberno municipal a posta en marcha da licitación “urxente e completa” do servizo de transporte urbano colectivo, que a nova proposta de liñas frecuencias ou paradas deste servizo “esencial” para a cidadanía se faga en base a informes técnicos “rigorosos” e ás “necesidades” dos veciños e veciñas” e tamén poden que se proceda á paralización urxente do procedemento de licitación do subministro de 40 novos autobuses ante o “grave” risco de endebedamento para as arcas públicas nos próximos anos.