O programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense abre mañá coa Alta Velocidade como aliciente


A deputación pon un ano máis, a cultura termal e os seus tratamentos terapéuticos nun dos 7 balnearios ourensáns sen subida de prezo e coas modalidades habituais: estancias termais durante 6 días, fins de semana ou tratamentos terapéuticos.
O presidente da deputación, Manuel Baltar, espera un éxito de xestión e participación como anos anteriores, “a auga termal é saúde, e ademais co aliciente de que neste 2022 xa se pode vir desde Madrid en AVE, é dicir, a Alta Velocidade tamén chegou á cultura termal e á provincia termal de Europa.”
O presidente provincial, felicitou aos técnicos por elaborar unhas bases moi competitivas que fan moi atractiva esta oferta de Ourense e tamén pola gran xestión que estou seguro que farán a partir de mañá cando se abra o prazo de solicitude deste programa de Termalismo Social da provincia termal de Europa que volverá ser neste 2022 un éxito.

É así, que a Deputación de Ourense publica no BOP (Boletín Oficial da Provincia) de hoxe martes 11 de xaneiro o Programa de Termalismo Social “Ourense, a provincia termal”, unha actuación que oferta servizos de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social baseado nos beneficios – en termos de calidade de vida- que ofrecen as propiedades terapéuticas das augas declaradas como mineiro-medicinais, os servizos médicos asociados ao seu #gozar e as actividades socio-culturais que se prestan nas instalacións termais da provincia de Ourense. O Programa contempla distintas modalidades nas que poden participar todos os cidadáns que cumpran cos requisitos de idade que cada modalidade esixe.

AVANTAR ACTIVIDADES

Modalidade de Estancias Termais de 6 días.
O Programa contempla Estancias Termais de 6 días (de luns a sábado) ou que inclúe aloxamento, pensión completa (bebidas incluídas), 10 tratamentos termais con asesoramento médico e animación sociocultural.
O requisito para poder participar neste programa como solicitante é ter cumpridos, polo menos, 50 anos de idade.
Tamén poderán participar en calidade de acompañante, as persoas que, aínda que non reúnen a condición de idade esixida para ser solicitante, desexen aloxarse nos balnearios e/ou recibir os tratamentos como acompañante dunha persoa que reúna os requisitos, para iso deberá tramitarse dentro da mesma solicitude.

Modalidade de fins de semana, Cultura Termal.
A modalidade de Fin de semana consiste en estancias en establecementos balnearios para unha ou dúas persoas, podendo estar acompañadas dun menor de ata 12 anos. O Programa inclúe pensión completa con bebidas incluídas, 2 técnicas de balneario por persoa e acceso ilimitado ás piscinas termais. O requisito para poder participar neste programa como solicitante é ter cumpridos polo menos, 18 anos de idade.

Modalidade de tratamentos terapéuticos.
A modalidade de Tratamentos Termais inclúe 10, 20 ou 35 técnicas de balneario durante 15 días. Este ano especialízanse varias en función do perfil do solicitante: terapéuticos respiratorios, dermatolóxicos ou reumatolóxicos. O requisito para poder participar nesta modalidade é ter cumpridos, polo menos, 50 anos de idade.

Os sete balnearios da provincia integrados o Programa.
Os sete balnearios da provincia, os Balnearios de Arnoia, Baños de Molgas, Carballiño, Cortegada, Laias, Lobios, Partovia participan no Programa, cada un nas modalidades que así considera, en función, sobre todo, da dispoñibilidade de hotel no propio balneario.
Entre os sete balnearios poñerán ao dispor dos cidadáns varios miles de prazas que se poden solicitar a partir deste martes.

As solicitudes pódense realizar as 24 horas de día e a concesión da praza é en tempo real e ao instante.
O procedemento administrativo para a presentación da solicitude e a concesión do programa é totalmente on- line a través da dirección www.termalismourense.es, estando a administración provincial ao dispor do cidadán as 24 horas do día, os 7 días da semana.
A concesión do Programa, incluíndo o balneario solicitado e as datas de #gozar resolveranse no mesmo proceso e momento da presentación da solicitude. A solicitude poderaa presentar por internet a través de certificado dixital ou os medios habilitados.
O cidadán que polo motivo que sexa non desexa realizala on- line poderá xestionala presencialmente a través da área de Benestar da Deputación de Ourense ou dos propios Balnearios.
A Deputación de Ourense pon desde hoxe dous teléfonos exclusivos de de información sobre o Programa para axudar ao cidadán en calquera aspecto que precise; os teléfonos estarán operativos de 9:00 a 14:00 e son os seguintes: 988317760 / 988317770

En AVE aos balnearios.
Ademais, para aqueles residentes de fóra da provincia de Ourense que o consideren no Programa contémplase o desprazamento en tren aos balnearios desde máis de 40 estacións.
Este ano contémplase nesta modalidade o uso do AVE desde Madrid, o que vai significar un importante revulsivo para o Programa dado o menor tempo de desprazamento e a maior comodidade.
Os participantes no Programa de Termalismo non se terán que preocupar da compra do billete de tren e o posterior traslado ao balneario, o billete será enviado á súa casa a semana previa á súa viaxe xestionada polos balnearios e á súa chegada á estación de Ourense estaráselle esperando para o seu posterior traslado ao establecemento termal.