O Bng interésase unha vez máis polo estado da contorna da Praza de Abastos nº 1 de Ourense

Na Xunta de Área de Urbanismo celebrada esta mañá, desde a formación nacionalista pedíronlle ao Goberno Local información sobre as melloras que figuran no modificado de obra aprobado no pasado Pleno municipal e pola humanización da contorna e o “rianxo”

Ourense, 18 de outubro de 2022. Esta mañá tiveron de novo lugar ás Xuntas de Área do Concello de Ourense. De entre todas as cuestións tratadas, destaca a solicitude de información realizada unha vez máis polo BNG e referida á situación tanto das obras de reforma do edificio da Praza de Abastos nº 1 como da súa contorna.

AVANTAR ACTIVIDADES

Concretamente o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara reiterou o xa expresado no pasado Pleno municipal no que se aprobou un modificado de obra, en principio a custe cero, e proposto pola adxudicataria ACCIONA.

Seara requeriu información ao Goberno Local para “saber se o modificado inclúe corrixir as deficiencias detectadas desde o primeiro momento na execución das obras polas praceiras e praceiros e que teñen que ver co tratamento do lixo e coa carga e descarga das mercadorías”.

Luís Seara lembra que se ACCIONA se fixo coa obra foi grazas “a que incluía no seu proxecto unha serie de melloras adicionais as cales a día de hoxe e coa obra prácticamente rematada, non se executaron”, polo que insiste, “cómpre aclarar se no modificado aprobado hai dúas semanas se resolven estas cuestións”.

Outra das preguntas formuladas polos nacionalistas na Xunta de Área de Urbanismo tivo que ver coa humanización e adaptación de toda a contorna da propia Praza de Abastos e da zona do rianxo. A este respecto Luís Seara lembra que “o pasado mes de xuño aprobouse unha modificación de crédito de algo máis de 500.000 euros para abordar unha actuación de mínimos segundo o propio alcalde, mais a día de hoxe e a piques de rematar o ano nada sabemos de ditas obras”.

No BNG temen que dita humanización non se chegue a executar en tempo e forma e que para evitar a súa saída a concurso público, o Goberno local estea tentando adxudicarllas directamente a ACCIONA, quen executa as obras no edificio nobre, a través doutro modificado de obra.

Segundo Seara “Jácome ten amosado en innumerables ocasións que o seu interese por este proxecto é cero e que o único que pretende é botar aos praceiros e as praceiras do seu emprazamento provisional pero sen importarlle as condicións do novo”, asemade enfatiza, “reitero que para o BNG a obra de reforma da Praza de Abastos e a súa contorna é un proxecto estratéxico polo que representa e polo lugar no que se atopa polo que non podemos conformarnos cunha actuación de mínimos, cómpre ser ambiciosos e ter altura de miras”.

Ordenanza Terrazas e Veladores.

O BNG cuestiona o procedemento anunciado en Xunta de Área polo Concelleiro Delegado de Comercio e na que anunciou que o Goberno Local aprobará en Xunta de Goberno a nova Ordenanza de Terrazas e Veladores e posteriormente convocarase ao resto de Grupos municipais para que fagan as súas achegas e antes da súa aprobación definitiva polo Pleno.

Segundo Luís Seara, “non compartimos o procedemento do Goberno Local xa que o lóxico sería convocar aos Grupos antes de que a Xunta de Goberno aprobe o texto xa que despois a posibilidades de introducir modificacións é moi reducida”, e engade, “moito nos tememos que o que se pretende sexa levar a Ordenanza a Pleno sen consensuar previamente e de sair rexeitada botarlle a culpa á oposición, ese é o modus operandi deste Goberno”.

PXOM.

Desde o Grupo municipal reiteraron unha vez máis a necesidade de Convocar a Comisión de seguimento do PXOM para avaliar as modificacións propostas e tentar avanzar na tramitación do mesmo. Os nacionalistas lembran tamén que esta petición foi obxecto de debate no Pleno do pasado 07 de outubro e como consecuencia das mocións presentadas tanto polo PSdeG-PSOE como por Ciudadanos.

Praza de abastos da Ponte.

No BNG tamén se interesaron polo inicio do procedemento negociado anunciado no seu día para a explotación da Praza de Abastos da Ponte sen que o Goberno local puidese certificar na Xunta de Área desta mañá se dito trámite xa se iniciou ou non.