O delegado territorial da Xunta supervisa o remate das obras dunha senda peonil na estrada autonómica OU-195 ao seu paso por Pontedeva

Nesta intervención, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu máis de 48.000 euros

Gabriel Alén significou que a Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Pondedeva, para supervisar, acompañado do alcalde en funcións, Juan Carlos González, o remate das obras da senda peonil na estrada autonómica OU-195 ao seu paso polo municipio, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu máis de 48.000 euros.
O delegado territorial explicou que esta intervención de mellora da seguridade viaria e de fomento da mobilidade sostible centrouse na construción dun itinerario peonil accesible na marxe esquerda da estrada OU-195 que conecta a vía de acceso do punto quilométrico 0+600 coa intersección final no punto quilométrico 0+750, onde se atopan varias vivendas e establecementos comerciais do núcleo de Trado.
Gabriel Alén significou que a Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios.
A senda executouse cunha anchura de 2 metros, en formigón con espesor de 15 centímetros sobre unha capa de zahorra de 25 centímetros.
Construíuse un pequeno muro entre os puntos quilométricos 0+690 e 0+730, onde existe unha pequena depresión do terreo xunto á estrada.
Baixo a nova senda dispuxéronse conducións de abastecemento, saneamento e obra civil de iluminación.
A actuación completouse coa renovación da capa de rodadura mediante extensión de microaglomerado neste tramo final da OU-195.