A Xunta colabora na reparación e mellora da cuberta do pavillón municipal do concello da Merca

  • Gabriel Alén explicou que as obras supuxeron unha achega de 35.000 euros da Vicepresidencia primeira ao abeiro das axudas da Orde de Infraestruturas de uso público
  • Entre esta liña de axudas e o Fondo de Compensación Ambiental co que se financian melloras ambientais nos municipios galegos, a Xunta destinou nos últimos anos máis de 146 millóns de euros en 3.673 proxectos que contribuíron a mellorar a calidade de vida da veciñanza
  • O delegado territorial lembrou que xa se publicou a semana pasada a nova convocatoria para este ano

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, José Manuel Garrido, o remate das obras da cuberta do pavillón municipal da Merca, ás que a Vicepresidencia primeira fixo unha achega de 35.000 euros ao abeiro das axudas da Orde de Infraestruturas de uso público.

A Xunta colaborou nesta actuación a través da convocatoria do ano pasado da Orde de Infraestruturas de uso público, que neste exercicio mantivo o orzamento de 2020 con 4 millóns de euros para financiar 125 proxectos relacionados coa posta en marcha ou renovación das instalacións ou equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais nos concellos de menos de 30.000 habitantes.

AVANTAR ACTIVIDADES

A través desta orde, o Goberno galego investiu desde 2009 máis de 40 millóns de euros en 1.372 iniciativas relacionadas, por exemplo, coa construción ou melloras nos edificios ou dependencias municipais, en parques infantís, na pavimentación de camiños públicos, na posta en marcha e acondicionamento de instalacións deportivas municipais ou na renovación do alumeado público.

Entre esta liña de axudas e o Fondo de Compensación Ambiental co que se financian melloras ambientais nos municipios galegos, a Xunta destinou nos últimos anos máis de 146 millóns de euros en 3.673 proxectos que contribuíron a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Nesta liña, Gabriel Alén destacou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para levar a cabo actuacións que, en moitas ocasións, os municipios non poderían executar en solitario.

Actuacións

En concreto, e atendendo á solicitude do concello da Merca, os traballos que se executaron estiveron orientados a mellorar a seguridade, accesibilidade e, en definitiva, á mellora na calidade do espazo que garantise o benestar dos veciños.

Actuouse na recuperación funcional da propia cuberta nun estado que esixía a súa intervención urxente por mor de entradas de filtracións de choiva e risco de levantado das chapas da cuberta por acción do aire.

Limpouse o  canlón de cuberta, retirando a sucidade acumulada (entullos, niños, follas, etc.) con medios manuais, mesmo se contempla a reparación e impermeabilización dos canlóns mediante aplicación de poliurea e desatasco de baixantes.

Posteriormente procedeuse ao repaso de toda a tornillería de cuberta, substituíndo aqueles elementos en mal estado por outros de iguais características, diámetro e lonxitude, colocando a tornillería con chave dinamométrica, segundo o par mínimo de aperte necesario.

Por último , retiráronse as chapas de policarbonato translúcidas de cuberta por medios manuais así como elementos auxiliares de remate, fixacións, unións, encontros con paramentos, etc. e posterior execución de cerramento de cuberta mediante sistema modular de policarbonato celular a base de paneis translúcidos con efecto difusor de luz e xunta de estanquidade.

Nova convocatoria

Na visita, O delegado territorial lembrou que xa se publicou a semana pasada a nova convocatoria para este ano da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, de forma individual ou compartida, e na que a Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros.

Entre as actuacións subvencionables inclúense obras de instalación, ampliación e mellora das redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; así como a construción, mellora e ampliación de parques infantís, dependencias municipais ou instalacións deportivas de uso público.