Gabriel Alén pon en valor as axudas da Xunta para corrixir os impactos paisaxísticos

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Jaime Sousa o local social de Cartelle, reformado ao abeiro das axudas para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais ao que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou 24.990,00€. A continuación, tamén visitaron un inmoble particular onde se desenvolveron actuacións de reforma por un importe de 3.000€ dentro da liña desta mesma orde de axudas.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na provincia de Ourense, 20 concellos resultaron beneficiarios, por un importe total de 248.008,12 euros nas dúas liñas de axudas. Polo que respecta ás axudas a particulares, foron 90 as actuacións concedidas, por un importe de 228.923,06 euros. En total, na provincia de Ourense concedéronse 476.931,18 €.

O delegado territorial explicou que o Goberno galego convocou hai unha semana dúas liñas de axudas dirixidas a particulares e a concellos para executar actuacións que permitan corrixir os impactos paisaxísticos causados polo paso do tempo ou unha mala conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais. Os particulares que se acollan ao programa terán acceso a un máximo de 3.000 euros, mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros.

Gabriel Alén subliñou a convocatoria de dúas novas resolucións por un importe de 1,6 millóns de euros, aínda que esta dotación inicial será ampliada ata chegar aos 2 millóns de euros —1,2 millóns de euros para os particulares e 800.000 euros para os concellos—.

En canto á presentación das solicitudes poderase realizar do 20 de xaneiro ao 21 de febreiro no caso das axudas dirixidas a particulares, e ata o 28 de febreiro no caso dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Éxito dunhas axudas pioneiras

Tralo éxito acadado na primeira convocatoria, o delegado explicou que a Xunta decidiu, no marco da súa aposta polo fermosismo, brindar de novo apoio económico a aqueles cidadáns e concellos dispostos a executar actuacións de renovación, mellora e acondicionamento sobre edificacións da súa titularidade co fin de lograr unha repercusión positiva sobre a contorna, demostrando así o seu compromiso co coidado e a protección paisaxística.

Cómpre lembrar que o balance das dúas primeiras ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos foi de máis de medio milleiro beneficiarios —445 familias e 66 concellos— que recibiron axudas por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir nun total de 222 municipios galegos. Ademais, tendo en conta que a achega da Xunta cubre o 70% da actuación, estímase que grazas a estas subvencións o ano pasado se mobilizou en Galicia un investimento total de 2,9 millóns de euros.

Neste sentido, o delegado territorial indicou que a convocatoria de 2022 será moi similar á anterior aínda que se introducen algunhas melloras, como a simplificación dos trámites, a redución da documentación a presentar por parte dos solicitantes ou algunhas especificacións e novidades técnicas incorporadas co fin de ampliar o abano das actuacións subvencionables.

Ademais, adiántase a publicación de ambas axudas ao mes de xaneiro, co obxectivo, segundo explicou, de que tanto os particulares como as administracións locais interesadas poidan dispoñer de máis tempo para executar e xustificar as actuacións obxecto da axuda.

Actuacións subvencionables e tipos de edificacións

Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas —tamén das cubertas—, acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías.

En canto ás subvencións para concellos de menos de 20.000 habitantes, poderán pedir ata dúas axudas, unha por cada liña: a Liña I, dirixida a actuar sobre o exterior de edificios ou dependencias de tipo sanitario, educativo, cultural ou administrativo-institucional; e a Liña II, pensada para recuperar equipamentos e elementos de uso público —fontes, palcos de música, lavadoiros e hórreos— que debido ao desuso ou a unha deficiente conservación teñan un impacto indesexable sobre a súa contorna.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------