Máis de 3500 escolares na aula STEAM que Afundación leva ás escolas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Para adaptarse ao novo contexto, o equipo da Área Educativa da Obra Social de ABANCA traballa directamente cos escolares nas aulas seguindo todos os protocolos sanitarios establecidos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

I O obxectivo é ofrecer aos docentes un programa de actividades con contidos interesantes e adaptables aos diferentes escenarios

I A impresora 3D é a gran novidade da programación da Aula STEAM deste ano, vinculada ao deseño gráfico a raíz da mostra sobre o polifacético labor artístico de Isaac Díaz Pardo

Máis de 3500 escolares de centros de toda Galicia participan na aula itinerante STEAM (ciencia, tecnoloxía, arte e matemáticas nas súas siglas en inglés) de Afundación. O programa da Obra Social de ABANCA, que comezou a súa andaina en 2021 tamén con obradoiros de robótica e tecnoloxía aplicada, incluíu como novidade para este curso unha actividade con impresora 3D vinculada ao deseño gráfico a raíz da mostra sobre o intenso e polifacético labor artístico de Isaac Díaz Pardo. Deste xeito, os profesionais de Afundación desprázanse aos colexios para desenvolver as actividades directamente cos escolares nas aulas. O obxectivo é ofrecer aos docentes un programa con contidos interesantes e adaptables aos diferentes escenarios que se poidan presentar durante este curso, así como promover o acceso a unha educación de calidade (ODS-04), en liña co compromiso de Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

A nova programación para o curso 2021-2022 aséntase en catro bloques. «STEAMM, con dobre M, de música» pon o foco nas artes plásticas e musicais vinculadas ás coleccións de ABANCA e Afundación. «A historia do deseño gráfico en Galicia a través da obra de Isaac Díaz Pardo» é unha aproximación ás creacións en impresora 3D a partir da mostra «As miradas de Isaac» presentada nas sedes galegas de Afundación. «Arte nas coleccións ABANCA e Afundación en formato STEAM» aplica as innovacións tecnolóxicas e de robótica ás dúas coleccións de arte galega máis importantes. «STEAM e Naturnova» conxuga o coñecemento do medio ambiente e do universo coas ferramentas STEAM.

As imaxes están dispoñibles en:

https://drive.google.com/drive/folders/1OV_qnnSJ-286ROg0Dk6b-2h7UHpT9mJR?usp=sharing

Neste anovador programa a tecnoloxía, a robótica ou a electrónica sitúanse ao servizo duns contidos teóricos baseados tanto na Colección de Arte Afundación, a máis completa de arte galega contemporánea, como nas ciencias naturais, implementadas desde Naturnova, o centro de educación ambiental de Afundación. Ademais das propostas directamente vinculadas co deseño gráfico en impresora 3D, os máis pequenos coñecen e crean o seu propio robot, tixolas e trotiños, dous robots capaces de axudarlles a crear a súa propia obra de arte. Mentres, os escolares de máis idade accederán directamente ao concepto de programar con placas microbit. A partir destas variadas propostas, e en función da idade, traballan competencias asociadas á electrónica e á programación robótica aplicada. As actividades da aula STEAM contan con códigos abertos, de tal xeito que desde os centros escolares, tanto o corpo docente como o estudantado, poida seguir practicando a actividade unha vez finalizado o taller.

Trátase, xa que logo, dunha proposta multidisciplinar coa que, ademais de potenciar o asentamento de coñecementos teóricos e a creatividade, Afundación pretende destacar a importancia da combinación de humanidades e o coidado do medio ambiente para demostrar a súa necesaria complicidade á hora de pensar un mundo en progreso para as nenas e nenos.

Co convencemento de que agora máis que nunca os nenos e nenas en idade escolar deben contar coa proximidade das artes, a cultura e a formación multidisciplinar como canle para o crecemento persoal e o desenvolvemento social, e, ao mesmo tempo, o corpo docente, con novas ferramentas e apoio para afrontar o cambio de paradigma no labor da docencia derivado da crise sanitaria actual, o equipo da Área Educativa de Afundación, a Obra Social de ABANCA, deseñou unha programación de actividades educativas adaptada á conxuntura actual. Así, desenvolveuse a aula itinerante STEAM, un novo concepto para a participación en propostas complementarias do currículo oficial.