Máis de 400 deportistas daranse cita na proba solidaria I trail do Pereiro e andaina “Ruta Sicenata Pacata”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta proba deportiva organizada pola asociación Anedia co apoio da Deputación de Ourense e do Concello do Pereiro de Aguiar, conmemora o centenario do descubrimento da insulina que permitiu un avance crucial no tratamento desta doenza 

O vindeiro domingo, 30 de xaneiro, daranse cita máis de 400 deportistas na proba deportiva I trail do Pereiro e andaina “Ruta Sicenata Pacata”, organizada pola asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes, Anedia, coa colaboración da Deputación de Ourense e do Concello do Pereiro de Aguiar. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou a deputada provincial de Políticas Sociais, Reto Demográfico e Igualdade, Luz Doporto; o alcalde do Pereiro, Luis Menor; a secretaria de Aneida, Elisa López; e o responsable técnico da proba, Olivier Reboredo.  

Este evento deportivo, de carácter solidario, organízase “con motivo da conmemoración da aplicación da primeira dose de insulina”, lembrou Luz Doporto, quen remarcou a importancia da cooperación institucional para levar a cabo eventos desta índole propostos por entidades sociais que fan un loable traballo por diferentes causas na nosa provincia. Grazas a este avance científico, a diabetes tipo 1 pasou de ser unha doenza mortal a ser unha enfermidade crónica, e miles de persoas conseguiron ter un futuro. 

Neste mesmo sentido, Luis Menor, que manifestou que era “unha honra que escolleran o municipio do Pereiro para a organización deste primer trail e andaina solidaria porque as cuestión sociais e de solidariedade son absolutamente prioritarias”, afirmou que a máxima do seu municipio é que “as persoas son o primeiro”. Ademais do fin solidario da proba, o alcalde amosouse encantado de que a xente poida coñecer o territorio do Pereiro de Aguiar a través deste evento lembrando que desde o Concello se fixo “unha aposta moi firme polo medio natural, polas actividades ao aire libre e gracias a esta organización, conseguimos ser a primeira sede desta liga de probas e poñer a disposición da veciñanza e dos visitantes, os máis de 50 km de rutas de sendeirismo do concello”.  

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

De feito, esta proba transcorrerá por unha destas novas rutas incorporadas que está situada nas ladeiras do rio Miño, percorrendo camiños tradicionais e sendeiros entre densas carballeiras e pequenos regatos. O municipio pretende, con esta rede de rutas, poñer en valor os importantes valores epigráficos que ten, destacando singularmente a denominada “Pedra das Letras” que contén a inscrición “Sicenata Pacata”, a que Ferro Couselo e outros especialistas vincularon coa conquista destas terras por parte do exército romano.  

Desde a asociación Anedia agradeceron o apoio institucional para “converter esta idea en proxecto” que nace con vocación de permanencia para poder dar a coñecer a Anedia e “que as familias teñan un punto de referencia aquí en Ourense”. 

O trail conta cun percorrido de 17 km cun desnivel aproximado de 900 m positivos, mentres que a andaina será de 7 km. Que percorrerán unha distancia de 17 km con preto de 900 m positivos de desnivel no trail e 7 km na andaina. Ambas probas organizadas para o día 30 de xaneiro, a carreira e a andaina, terá a súa saída e a súa chegada no campo de fútbol de O Medo–Vilariño (Pereiro de Aguiar).  

“Debido a elevada inscrición que temos, 425, recomendamos que a xente acuda ao Ponte Vella o sábado, 29 de xaneiro, a recoller os seus dorsais a partir das 11.30 horas, para evitar aglomeracións iniciais ao comezo da proba”, sinalou Olivier Reboredo.  

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------