Conde e o alcalde do Irixo avanzan en novos proxectos para apoiar os emprendedores e empresarios locais

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co alcalde do municipio ourensán, Manuel Cerdeira, no que destacaron a oportunidade que suporá o novo ‘coworking’ impulsado polo Igape para dinamizar a economía da Mancomunidade do Carballiño

Avaliaron tamén iniciativas conxuntas como o novo ‘marketplace’ no que venden en liña os produtores agroalimentarios deste concello ourensán

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana en Santiago de Compostela un encontro co alcalde do concello ourensán do Irixo, Manuel Cerdeira, que serviu para avanzar en novas vías de colaboración para apoiar os emprendedores e empresarios locais.

Na xuntanza os dous destacaron a oportunidade que supón para a dinamización da economía o novo coworking impulsado polo Igape e a Escola de Organización Industrial en colaboración coa Mancomunidade do Carballiño, que preside Manuel Cerdeira.

En total, a Xunta de Galicia activará neste primeiro trimestre do ano 11 novos espazos coworkings nas catro provincias, das que tres se atopan na provincia de Ourense. Ademais do que se localizará no Irixo, activaranse novos coworkings en Valdeorras (con sede na Rúa) e no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas. De feito, no caso de Ourense, os tres son espazos de emprendemento que debutan na iniciativa.

Trátase de espazos de traballo destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, e están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento.

Na reunión avaliaron outras iniciativas conxuntas como o marketplace impulsado polo Concello e que permite adquirir en liña pan, mel, lácteos, carne e outros artigos de produtores e comercios locais. A Xunta apoia con máis de 47.000 euros esta plataforma dixital coa que o Goberno municipal dá visibilidade e achega novas posibilidades de negocio para as empresas da localidade.