Manuel Baltar cumpre este domingo 10 anos como presidente da Deputación de Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

O presidente provincial resalta os fitos conseguidos nesta década no eido da xestión, da cooperación ou na reivindicación da identidade ourensá.  

Manuel Baltar mira ao futuro da provincia, con proxectos clave impulsados pola Deputación, como o Centro FP ou o gran hotel termal: “Teño tanto orgullo polo logrado nesta década coma forza para os tempos que veñen” 

OZOCOgz Deseño Galego

Manuel Baltar cumpre mañá, domingo 6 de febreiro, dez anos como presidente da Deputación de Ourense. “Dez anos, tres mandatos. Creo o que futuro está aínda por escribir, pero aí está o legado deste tempo”, sinala sobre unha data na que marca fitos conseguidos como “o liderado nacional en transparencia, aprobar os orzamentos antes que ningunha outra administración pública en España, a débeda cero ou converter a Ourense na provincia galega máis segura, con todos os seus pobos a menos de 30 minutos dun GES”.  

O presidente da Deputación mira ao futuro de Ourense apoiándose en cuestións centrais pivotadas polo goberno provincial, como “o Centro Galego de FP; o Plan “Ourense, Provincia Termal” -e o futuro co gran hotel balneario- ou situar a Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial grazas a ese expediente reactivado dende este goberno provincial”. O líder ourensán refírese tamén a accións xa executadas como o Edificio Provincia Intelixente e o Observatorio Económico Ourensán, e a proxectos como a Ourense Film Comission.  

Incide Manuel Baltar en como moitas destas liñas de traballo da Deputación apelan á identidade de Ourense, como “contar cun himno propio, os premios Ourensanía ou o debate sobre o estado da provincia”. Neste eido sobresaen outras medidas desenroladas nesta década, como bautizar o centro cultural co nome do investigador Marcos Valcárcel, organizar a exposición “In Tempore Sueborum” ou potenciar a Real Banda de Gaitas. E, precisamente, a posta en valor do territorio é un dos eixos do Inorde, con accións centrais para o sector primario como a Marca Ourense. 

A única deputación cun plan de mandato, transparente e motor da autoesixencia 

Son todas estas, sinala o presidente provincial, cuestión organizativas nas que “ten un peso importante a xestión e o rigor. Claves de procesos nos que me acompañan un grandísimo equipo, non so as deputadas e deputados do meu goberno, senón tamén os servizos dunha institución xove e con capacidade para atraer aos mellores”. Unha acción de goberno, recorda, impulsada a través dunha nítida folla de ruta: “Todo o equipo sabe que temos un plan. Somos a única deputación, a única institución provincial de España, que concorre a unhas eleccións cunha serie de medidas innovadoras”. O vixente é o Plan 7273, no que se indica o día, a hora, o mes e o ano no que se realizarán as actuacións previstas. “Xogamos coas cartas boca arriba para que as veciñas e veciños vexan non so esa transparencia senón tamén o rigor e os obxectivos. É unha forma de autoesixirnos, de cumprir retos e asumir os novos desafíos que sorxen cada día”. Neste décimo aniversario da súa presidencia, Manuel Baltar volta a ollada cara o futuro, con proxectos clave impulsados pola Deputación de Ourense, que este ano celebrará os seus 200 anos. “O parque acuático de Monterrei será unha referencia do noroeste peninsular e a Casa da Lusofonía estará integrada na rede de casas do Ministerio de Asuntos Exteriores”.  

Traballo en rede e visibilidade nacional e internacional 

O presidente ourensán remarca como o goberno provincial foi implantando nesta década plans como o ChegOU ou o BenOurense; así coma proxectos europeos como o EmprendOU, a Raia Termal, o Destino Turístico Intelixente ou deseñar a primeira estratexia provincial para os fondos NextGeneration e o marco financeiro plurianual. “Estes plans so os podemos conseguir grazas a visibilidade que temos. Unha visibilidade nacida do traballo en rede e de pertencer a organismos nacionais e internacionais nos que somos decisivos”, reflexiona. Manuel Baltar é integrante da xunta directiva da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) -o primero ourensán que acada esa posición, e suma o seu segundo mandato-, vicepresidente da Federación Nacional de Municipios con Embalses e está no comité de dirección da Fundación de Democracia y Gobierno Local. En clave internacional, é presidente de Partenalia -a asociación europea de gobernos intermedios- e da EHTTA -asociación de cidades termais históricas de Europa-, ademais de vicepresidente da Confederación Europea de Poderes Locales Intermedios (CEPLI). “E estar no Eixo Atlántico e presidir o Foro Termal, a importancia das alianzas con La Vuelta, con EEUU, coa UVigo e UNED, a CEO, a Cátedra para o Reto Demográfico… En definitiva, moitas responsabilidades, moitas sinerxias e un so obxectivo: a mellora de Ourense”.  

Novos proxectos para realzar o atractivo de Ourense 

“Vivimos un momento especial coa chegada da Alta Velocidade”, lembra Manuel Baltar, que remarca a importancia da “sacudida competitiva” que supón o AVE: “Aproveitaremos estar a dúas horas e dez minutos de Madrid igual que a nosa veciñanza con Portugal. E todos os proxectos que temos en mente, moitos coñecidos e outros que desvelaremos nos próximos tempos”. O resultado desta suma de factores, destaca o presidente provincial, repotenciará o atractivo de Ourense. Un territorio no que a Deputación sempre está, e estará, para coordinar, impulsar e acompañar o progreso provincial: “Festival de Cine? Aí está a Deputación. ICC Week? Aí está a Deputación. Mobile Week Ourense? Somos a única provincia de España na que se desenvolve esta iniciativa coa Mobile World Congress de Barcelona”.  

Por todo isto, Manuel Baltar confésase moi satisfeito: “Teño tanto orgullo co conseguido entre todos nestes dez anos coma forza para os próximos tempos que veñen para Ourense”.